Despois da era napoleónica, hai uns 200 anos, as monarquías absolutas de Francia, Austria-Hungría, Rusia e Prusia formaron a Santa Alianza para reprimir calquera revolución liberal e democrática na Europa, como fixeron coa española de 1820-1823. Hoxendía, PP, Cs e Vox, tres partidos distintos nun único Aznar verdadeiro, veñen de amosar o seu concerto extremodereitista na axenda política na Andalucía. Antón Losada, brillante como adoito, ven de batizar esta unión como a Santa Alianza. Os que queren voltar “a lo que siempre fue España”, a un suposto ponto cero anterior ás limitadas cesións a prol dos dereitos fundamentais das persoas e dos dereitos nacionais de Galicia que se artellaron a medio do proceso de xénese, adopción e desenvolvemento posterior da Constitución de 1978 e do Estatuto de Galicia de 1981. Voltarmos, cando mellor, ao tardofranquismo.
Unha recente enquisa amosa que a Santa Alianza podería acadar por maioría absoluta os concellos todos das capitais de provincia españolas, agás os cataláns, vasconavarros, galegos e canarios, canda algunha outra. Albíscase, entón, que as cousas no noso país poden ser distintas ás do resto do Estado. Un consolo temporal e limitado, tendo en conta o poder real que desenvolve España sobre Galicia, multiplicado pola mutación constitucional recentralizadora no social, económico e político desenvolvida nestes últimos anos. Ademáis da xa perceptíbel presenza do discurso de Vox en sectores minoritarios da burguesía máis tradicional da Coruña e Vigo.
Repenicará Núñez Feijóo a axenda recentralizadora, antinmigración, antifeminista e eurófoba da Santa Alianza? As primarias do PP no pasado verán manifestaron unha clara maioría de votos nas circunscricións de Lugo e Ourense contra Casado. Por outra banda, malia que Núñez Feijóo liquidou grande parte dos sinais de galeguidade do PPdeG de Xosé Cuíña, segue a existir unha corrente, quizais xa minoritaria, no PPdeG que entende Galicia dende níveis de afecto e singularidade.
Veremos na vindeira Convención estatal do PP, neste inverno, se Núñez Feijóo adhire á Santa Alianza. Sería unha moi mala nova. Mais activará, de seguro, procesos de traslación de voto cara opcións que entendan a galeguidade.
Porque a axenda contra o autogoberno galego de Vox e Cs que agora asume Casado só traería máis pobreza, máis dependencia e moito menos benestar e crecemento para Galicia.