Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 15,1 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar para case 4.000 persoas en situación de dependencia na provincia, 740 delas na Mariña

Lugo, 26 de decembro de 2018. A Consellería de Política Social destinou este ano 15,1 millóns de euros a sufragar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe balance deste recurso, que atende a preto de 4.000 usuarios na provincia de Lugo, case triplicando a cifra que se rexistraba no ano 2009.

Isto foi posible, explicou, grazas a un incremento dos recursos económicos destinados a este fin (138 millóns de euros máis que hai 10 anos para o conxunto de Galicia) e a melloras na xestión como a posta en marcha do módulo extranet aos concellos e do Programa de Asignación de Recursos.

Só no último trienio –entre 2015 e 2018- os orzamentos autonómicos desta área aumentaron nun 19,4%, o que permitiu sumar progresivamente horas de atención que se distribúen entre novos usuarios. Por citar os casos máis recentes, a Consellería aumentou as horas dispoñibles na provincia de Lugo nun 7,5% en setembro de 2018, e en maio do 2017 nun 12,5%.

“Somos conscientes -afirmou o delegado- de que a evolución demográfica e o aumento da esperanza de vida obrigan ás administracións a multiplicar os recursos dirixidos á atención e coidado dos nosos maiores, e o SAF é un dos recursos mellor valorados polas persoas con dependencia, o máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda así como polas súas familias coidadoras”.

Balseiro lembrou que actualmente a Consellería sufraga na provincia preto de 2 millón de horas de prestación anuais (1.929.807). O apoio da Xunta permite que a totalidade dos concellos lucenses contraten aos profesionais que se encargan da atención de carácter persoal e doméstica das persoas maiores dependentes, para incrementar a súa autonomía persoal e calidade de vida, e para facer posible a permanencia no seu domicilio.

Paralelamente, a Consellería de Política Social financia outros servizos, como o de teleasistencia, residencias e centros de día ou, o máis recente Bono Autonomía en Residencia, que consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública.

Exit mobile version