Mondoñedo, 1 de decembro de 2018.- A santiaguesa Berta Dávila Fernández obtivo o primeiro premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Deputación de Lugo. A obra que resultou gañadora na XIX edición deste certame leva por título ‘Limiar’.
O primeiro premio neste certame, que ten por finalidade estimular a creación poética entre os mozos e mozas, recoñécese con 1.500 euros, placa e diploma.
O segundo premio foi para Alexandre Fernández Peón de Pontevedra, pola creación ‘Crónica bélica da devastación en cinco minutos’. O pontevedrés recibe 600 euros, placa e diploma. Mentres, Laura López Esteban, de Lugo, acadou o terceiro premio, dotado con 300 euros, placa e diploma, coa obra ‘Renacer’.
O xurado que fallou os premios estivo integrado por Aurea Ramil, Armando Requeixo e José María Felpeto.
Entrega dos premios
A entrega dos premios tivo lugar hoxe no Concello de Mondoñedo e estivo presidida pola alcaldesa, Elena Candia. Tamén participaron representantes da administración autonómica e da provincial.
O Concello de Mondoñedo amosa un ano máis o seu compromiso “de aposta pola promoción do xénero poético, neste caso en lingua galega”. Dende a administración local lembran que Mondoñedo é “o berce de grandes mestres da literatura e da poesía” e, neste senso, lembran a convocatoria non só do premio de poesía que honra a Díaz Jácome, senón tamén o premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro.