Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2018-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou este luns os traballos para a eliminación de tres puntos de vertido incontrolado (PVI) no Concello de Trabada (Lugo) cun custo estimado en algo máis de 15.000 euros. Esta nova actuación forma parte dunha campaña continuada da Xunta para identificar e erradicar estes focos, nos que se acumulan residuos sólidos de distinta natureza co prexuízo que ocasiona para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético.
No caso da actuación que vén de iniciarse en Trabada, os puntos sobre os que se está a intervir localízanse nos lugares Fornea, Vilapena e Abres. Os traballos consistirán na recollida, clasificación e retirada do material acumulado nestas zonas e que, a primeira vista e sen prexuízo do que se poida atopar conforme avance a actuación, consiste en residuos procedentes da construción e a demolición, plásticos, pneumáticos fóra de uso, voluminosos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos e restos de poda. Así mesmo, tamén se traballará na revexetación dos solos mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira.
Coa limpeza dos puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados por este tipo de acúmulos, logrando a integración do lugar coa súa contorna e eliminando o hábito entre a poboación de seguir depositando lixo nestes lugares.
Correcta xestión dos residuos
Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para lograr unha correcta xestión dos residuos mediante a súa reciclaxe e tratamento, na que tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos.
O obxectivo común destes programas é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas responsabilidades en materia de xestión dos residuos urbanos, unha competencia municipal, e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).
Con este fin, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de anunciar que nas contas do vindeiro exercicio establecerase unha partida de 1,5 millóns de euros para continuar co esforzo de eliminar puntos de vertido incontrolado e recuperar os espazos naturais degradados, especialmente aqueles que se atopan en zonas protexidas dentro da Rede Natura.