Site icon Crónica3.com A Mariña

Un total de 20 persoas reciben formación en atención sociosanitaria e carpintería no obradoiro de emprego de Muras, ourol e O Vicedo

Muras, 13 de novembro de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, inaugurou hoxe o obradoiro de emprego Terras do Sor II, que comparten os concellos de Muras, Ourol e O Vicedo. Durante os vindeiros nove meses, 20 alumnos traballadores recibirán formación nos ámbitos de atención sociosanitaria e traballos de carpintería e moble.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 288.800 euros a esta iniciativa, “que permitirá ao alumnado adquirir os coñecementos teóricos e prácticos para obter o certificado de profesionalidade nestas especialidades e mellorar así o seu perfil profesional”, apuntou. Esta iniciativa sumará ademais as contratación doutras cinco persoas para ocupar postos de dirección, administración e monitores (3).

A especialidade de ‘Traballos de carpintería e moble’ conta con 12 alumnos-traballadores (6 no Vicedo, 4 en Ourol e 2 en Muras), que elaborarán e instalarán elementos de madeira en espazos públicos dos municipios promotores. Principalmente, elaborarán indicadores de toponimia, así como bancos e outro mobiliario para centros sociais e locais de uso comunitario.

Así, en Muras está previsto actuar na antiga escola da Balsa, na casa do concello e no casco urbano. En Ourol, intervirase en varios centros sociais, entre eles o de Merille, e no casco urbano. No Vicedo, actuarase nos centros sociais de San Román, Cabanas e Riobarba. Neste concello tamén está proxectada a fabricación e instalación de mobiliario de madeira na oficina de turismo e de cubrecontedores de residuos nas rúas Cidade de Mondoñedo e Francisco Vilasuso.

Por outra banda, na especialidade de ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais’ participarán 8 persoas (5 no concello do Vicedo e 3 en Ourol), que desenvolverán as súas funcións na residencia de maiores ‘Betania’ de Viveiro.

Durante as últimas semanas puxéronse en marcha a práctica totalidade dos 20 obradoiros programados na provincia de Lugo. En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.

Exit mobile version