Son actuacións que contaron cunha colaboración da Deputación de 15.500 euros. Neste espazo, que se atopa a uns 3 quilómetros do núcleo urbano de Ribadeo, ademais do miradoiro natural, atópase a Capela de Santa Cruz e dúas cruces de alto valor patrimonial. Tamén, se sitúa na zona o monumento ao gaiteiro, de grandes dimensións, obra do escultor ourensán Antonio Faílde.
Os traballos executáronse nunha superficie duns 5.000 metros cadrados. As actuacións consistiron na retirada de especies forestais alóctonas, para substituílas por especies autóctonas de baixo porte, tales como carballos e castiñeiros, co fin de mellorar a visión da paisaxe desde o miradoiro, ademais de favorecer a rexeneración natural de árbores da zona. Tamén se realizaron traballos de poda das árbores preto da capela, que impedían a entrada de luz no interior desta construción, que podían facer perigar o equilibrio dos muros.
O mirador é unha zona moi empregada tanto por veciños como por visitantes pois ademais de estar situado nun enclave único, conta cunha pequena área recreativa con zona de xogos infantís.