Santiago de Compostela, 21 de novembro de 18. A deputada socialista Patricia Otero anunciou hoxe unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que elabore, antes de marzo de 2019, un Plan de Riscos de Inundación do río Xunqueira. Urxe ademais a rexenerar e dragar a zona afectada e desatrancar de árbores a zona superior da canle, que esta fin de semana anegou o barrio de Xunqueira, na localidade luguesa de Viveiro.
A responsable socialista alude ás advertencias reiteradas pola asociación Valdeflores, de Xunqueira, que tódolos anos alerta á Consellería de Medio Ambiente reclamando a limpeza do río antes dos temporais de outono. Advirten así do risco de atranco das pontes e inundacións pola cantidade de maleza e árbores que fican río arriba, e que esta fin de semana provocaron o desbordamento do río.
Os problemas iniciáronse río arriba, explica, porque o Goberno concede permisos para a tala de árbores vadeando os ríos sen preocuparse do “estropicio” que deixan nas canles dos ríos e as pistas cheas de biomasa. A situación é tal, advirte, que de repetirse o fenómeno meteorolóxico da pasada fin de semana “volveremos a ter o mesmo problema que aquela noite”.