Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas esixen á Xunta a reforma estrutural e integral xa do Colexio Virxe do Carme de Burela

Burela, 9 de outubro de 2018.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos, a Deputada Socialista no Parlamento Galego pola Provincia de Lugo, Patricia Otero, e o Tenente Alcalde de Burela, Ramiro Fernández, participaron este venres na concentración convocada pola AMPA do Colexio Virxe do Carme de Burela para denunciar o mal estado e as deficiencias que presentan as instalacións do edificio.

Santos Ramos criticou que “o problema deste centro é un exemplo máis do abandono dun servizo público tan importante como é a educación e das infraestruturas dos colexios por parte da Xunta de Galicia. É perfectamente visible que o edifico ten un grave problema estrutural, pois supera os 50 anos de idade, cunhas condicións construtivas que o levan a estar neste estado lamentable e inaceptable, poñendo en risco a integridade física dos alumnos. Sen dúbida, é necesario un arranxo estrutural e integral do Colexio. Isto non corresponde con unha educación pública e de calidade á que temos dereito e polo que debemos pelexar todos os cidadáns”.

“Tratar de acusar ao Concello de Burela de ser o culpable, unha entidade colaboradora no mantemento e conservación do colexio, que na medida das súas posibilidades o preserva en bo estado, é unha mentira, unha ruindade e unha indecencia máis por parte de quen representa á Xunta de Galicia na provincia de Lugo. Se de verdade ao señor Balseiro lle preocupan os veciños da Mariña e os alumnos e familias do Colexio Virxe do Carme de Burela, o que ten que facer é impulsar o proxecto de remodelación estrutural e integral para ofrecer seguridade, salubridade e unha boas condicións para que os nenos aprendan neste centro” engadiu Santos.

Patricia Otero explicou que “dende o Grupo Parlamentario Socialista fomos coñecedores do informe realizado pola aparelladora municipal relativo a este colexio, no que recomenda que non se usen ditas instalacións, e presentamos varias iniciativas na cámara galega para que se debateran na Comisión de Educación coa finalidade de resolver este problema. Son indignantes as declaracións do Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Provincia de Lugo, botando a culpa ao Concello de Burela, cando el mesmo recoñece a necesidade dunha reforma integral do edificio. Dende o Partido Socialista imos a presentar unha emenda aos orzamentos do goberno galego para o 2019 para que se inclúa unha partida para a rehabilitación do colexio. Non imos permitir que os nenos de Burela continúen nestas condicións”.

Pola súa parte, Ramiro Fernández lamentou a pouca implicación da Xunta de Galicia cando é a institucións coas competencias directas en Educacións. “Dende o Concello de Burela levamos investido máis de 30.000 euros nos últimos 3 meses en melloras no edificio, moito máis que o goberno autonómico que anuncia unha achega de 23.000 euros, cando é a institución coas competencias directas en materia de Educación”. Neste eido, informou que o consistorio mellorou a zona do ximnasio, substituíndo as lámpadas do teito que se atopaban nun estado moi deteriorado e que había risco de que caeran por unhas led; impermeabilizaron a cuberta dunha das terrazas do colexio; e nos últimos días realizaron unha nova canalización nunha das aulas porque filtraba auga debido ás intentas choivas.

Exit mobile version