Mondoñedo, 21 de novembro de 2018.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo aprobará no Pleno deste mércores os Orzamentos para o ano 2019 que ascenden a 3.761.033 euros, o que representa un 15,94% máis que o exercicio anterior. É dicir, 517.033 euros máis que as contas de 2018 motivado polo incremento do volume de recursos habituais.
As liñas básicas das contas conteñen o mantemento dos servizos públicos básicos, tales como a recollida e tratamento de residuos, a iluminación ou o mantemento das zonas axardinadas. Ademais, mantéñense e amplíanse os servizos sociais coa consolidación do servizo de atención temperá e o incremento das prestacións destinadas á dependencia. Como exemplo, as horas de servizo de axuda no fogar pasaron de 14.000 en 2017 a 20.000 en 2018.
A maiores, a alcaldesa, Elena Candia, explica que seguirá a realizarse unha aposta polo ámbito cultural e deportivo e tentarase garantir a realización das actividades que desenvolven as diversas asociacións.
Investimentos reais, un 49,05% máis
O Orzamento para o ano próximo recolle tamén a suba dos investimentos realizados polo propio Concello garantindo ao máximo o mantemento das vías públicas e a rehabilitación de edificios emblemáticos de Mondoñedo. Tamén se recolle unha partida para o financiamento de actuacións de consolidación do polígono empresarial a fin de facilitar a ampliación e modernización do sector produtivo como estratexia de asentamento poboacional.
Así, no capítulo de gastos, en investimentos reais figuran 646.141,86 euros, o que supón un aumento do 49,05% con respecto ao ano 2018. Pola súa banda, as transferencias correntes, que suman 56.388,96 euros, soben o 104,39%.
Unha administración activa
No estado de ingresos, as transferencias correntes (capítulo IV),- que son participación dos Tributos do Estado, do Fondo de Cooperación da Xunta, subvencións como o plan concertado de servizos sociais e axuda no Fogar ou atención temperá, así como o fondo de compensación ambiental- pasan de 1.101.683,10 euros en 2018 aos 1.227.090,00 euros en 2019. A diferenza é de 125.406,90 euros, o que representa un incremento do 11,38%.
Esta cifra demostra que nos atopamos ante un Concello activo e capaz de acadar axudas doutras administración. Tanto é así que á contía xeral habería que sumar outros programas, tales como o Plan Provincial Único que en 2017 acadou os 300.163,45 euros, contía que modificaría substancialmente o Orzamento para 2019 ata superar os 4 millóns de euros. É dicir, incrementaríase en preto dun 8% máis. Deste xeito, as contas do Concello de Mondoñedo para o vindeiro ano incrementaríanse un 23% con respecto ás do exercicio anterior.