Segundo explicou Balseiro, ambas iniciativas suman 43 contratacións, entre alumnos traballadores e persoal de dirección, administración e monitores. Os proxectos son promovidos polo Concello de Ribadeo e financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cun investimento conxunto de 443.000 euros.
O primeiro dos obradoiros ten unha duración de nove meses -ata finais de xullo do 2019- e imparte as especialidades de ‘Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes’ e ‘Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais’, con dez participantes cada unha delas.
Entre as actuacións previstas figuran a creación de áreas recreativas en Vilela e no contorno do albergue municipal de Ribadeo, e o acondicionamento das de Palmeira (en Ove) e a da capela do Carme de Vilela. Tamén se levarán a cabo tarefas de mantemento e limpeza de fontes situadas nas inmediacións da ruta xacobea.
O proxecto inclúe a elaboración de programación cultural para poñer en valor o patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago, así como a creación dun espazo público virtual de divulgación sobre o tramo que percorre o concello e das iniciativas que desenvolve o propio obradoiro.
Pola súa banda, o taller DoC-TiC II dá continuidade ao labor de dixitalización do fondo documental do concello no que xa traballaron os obradoiros desenvolvidos no municipio nos últimos anos. Nesta ocasión, a iniciativa imparte as especialidades de ‘Produción fotográfica’ e ‘Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais’. O obradoiro estenderase ata finais do mes de marzo do vindeiro ano.