José Carlos Paleo, o presidente da FCAM, dixo: “queremos, dadas as circunstancias que está vivindo o pequeno comercio, facer unha actuación desde a FCAM cunha valoración positiva, actual e ao mesmo tempo atendendo á ameazas que o pequeno comercio ten neste momento. Queremos lanzar unha campaña moi positiva cunha pizca de realidade de cómo está o comercio e niso se baseará a actuación que imos facer mañá e que hoxe damos a coñecer. Pero antes se facemos un repaso moi pequeniño da actualidade da nosa Mariña e nos illamos un pouquiño das ameazas que hai agora mesmo e nos cambios do comercio actual, temos que dicir con toda a tranquilidade que estamos nunha zona privilexiada, que hoxe o comercio local e todo o que oferta é moito mellor que onte, que hai cinco anos e que hai dez anos. Con isto temos que quedarnos e temos que loitar ao mesmo tempo coas ameazas que, como todos ben sabemos, supoñen as plataformas e a dificultade para actualizarse que ten o pequeno comercio”.
Paleo sinalou que “a FCAM é unha parte pequena da Mariña, pero está organizada con 8 asociacións e máis de 900 asociados. Temos que lanzar unha mensaxe de ánimo a toda a xente que está emprendendo neste momento para montar negocios, porque peches e traspasos existiron durante toda a vida comercial e van seguir existindo. Pero as posibilidades da Mariña son inmensas e neso nos temos que basear”.
O presidente da FCAM subliñou que “a campaña que temos proxectada para mañá é sinxela, dunhas horas de reflexión, como a proposta que fixemos entre todos para apagar as luces dos escaparates mañá a partir das oito da tarde, despois dun día laboral normal. Vai ser unha campaña de reflexión para analizar, como pon o cartel, que hai que ter ollo co que facemos, co que fomentamos, coas decisións que se toman a nivel particular e por parte das administracións públicas. Todos somos partes da roda e todos temos que axudarlle a andar á roda”.
Jose Carlos Palero quixo “agradecer ás administracións o apoio moral e as axudas que se reciben durante todo o ano e estamos todos convencidos de que entre todos vanse conseguir cousas. Naturalmente os inconvenientes teremos que salvalos cando xurdan”.
E engadiu: “a campaña de mañá dalgún xeito é o inicio de dous meses frenéticos do comercio, desde o Black Friday, importado pero que nos temos que adaptar a el, e despois coa campaña de Nadal que imos facer con distintas institucións para todos conxuntamente, e a continuación o inicio das rebaixas. Nestes dous meses vaise xogar moito o comercio pequeno. E mañá cando pasemos pola rúa e non vexamos o escaparate desde moitos puntos de vista podemos dicir ollo co que facemos, ollo co que decidimos e ollo con non disfrutar do que temos porque debemos valorar o que formamos e o que levamos conseguido. Unha das cousas moi importantes que observamos desde que se creou a Federación de Comercio da Mariña é que serviu para unir aos veciños, aos pobos e as distintas administracións; todos somos veciños, amigos, coñecidos e estamos tamén a un click do comercio do lado. Entón debemos valorar e darlle visibilidade ao que temos ao lado da casa”.
A Federación de Comercio A Mariña agrupa a 900 negocios que xeran máis de 3.000 empregos e 10.000 colaboracións e conta cun volume de facturación duns 300 millóns de euros ao ano. Esta campaña tamén incide nisto “o mellor que temos os nosos” e engade que o comercio local “supón máis atención personalizada, mais convivencia cidadá e máis entre todos”.
Entorno a un círculo foi presentada esta campaña, todo un símbolo da unión do comercio local e comarcal, unha roda á que todos temos que empuxar para que siga xirando. Ao asistiron tamén representantes das asociacións de comerciantes que integran a FCAM e concelleiros dalgunhas vilas, que quixeron así amosar o seu apoio a esta iniciativa.
O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, dixo: “sabemos que o comercio local forma parte dos nosos pobos, que son veciños que ademais de vender tamén consumen. Toda esa retroactividade que se xera no comercio local queda no pobo, e as veces se apagamos os escaparates igual ata non chega co alumeado público. É un comercio que atende calquera circunstancia, incluso a veces fora do que lles toca como un veciño máis. Desde logo que temos que loitar todos por eles. Estou completamente a favor porque vai ser unha forma de visualizar moi práctica do que pode significar que o comercio local se apague. Animar a todo o mundo a que siga traballando polo comercio local, é o noso e son os comercios de aquí”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, sinalou que “esta forma depredadora de facer comercio, a das grandes plataformas de venda on line, é insolidaria e pouco normalizada porque non está normalizada a situación, os estados non se están metendo excesivamente co que é non facer competencia desleal. Penso que a responsabilidade de que o comercio local exista, sexa unha forma de vivir e manteña poboación nos sitios, ten que ser compartida por todas as institucións, as propias asociacións tamén teñen que facer que isto sexa unha realidade, e a sociedade en xeral ten que ser consciente de que moitos empregos derivan do comercio local”.
Pola súa banda, o responsable da Área de Relacións Institucións da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, manifestou que “esta campaña da FCAM é creativa, innovadora e que apela a un dos elementos fundamentais para o desenvolvemento dunha sociedade, que é o das emocións, como nos sentimos, e se nos sentimos pobo e polo tanto responsables do seu desenvolvemento, cando se apaguen as luces e vexamos a escuridade, a falta de alegría e de cor, darémonos conta de que, cando desprezamos a oportunidade de mercar no noso comercio, realmente estamos aproveitando a oportunidade de condénalo a desaparecer e que medre algo absolutamente lonxano ao noso entorno, á nosa sociedade e polo tanto tamén ás nosas emocións”.
E o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, indicou que “hai que potenciar o comercio de proximidade porque en definitiva estamos falando de xerar emprego e riqueza, e falando de comodidade porque non é igual comprar ao lado da casa que ter ir comprar a Avilés, a Lugo ou a Coruña, sempre será moito máis cómodo, se os servizos son os mesmos ou parecidos, comprar ao lado da casa. Esperemos que con esta campaña, cando menos, se consigan con ela os obxectivos que se pretenden e cando teñamos outras poidamos dicir que esta que levou adiante a Federación de Comercio eses obxectivos redundaron en beneficio desta comarca, que tamén serán en beneficio desta provincia e da comunidade autónoma de Galicia”.