Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente presenta un orzamento de 88,4 millóns con investimentos nos 67 Concellos e para os 330.000 lucenses

Lugo, 20 de novembro de 2018. O Presidente, Darío Campos Conde, acompañado polo Vicepresidente, Argelio Fernández Queipo, e a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, presentou este martes a súa proposta de Orzamento da Deputación para 2019, que levará ao Pleno de novembro para a súa aprobación inicial. Campos Conde apuntou que mantivo encontros cos grupos da oposición para escoitar e ter en conta as súas inquedanzas, así como para entregarlles previamente ao acto de hoxe o presuposto para o vindeiro ano. “Agardo que poidamos aprobar o orzamento da Deputación porque a provincia necesítao”.

“Somos a institución galega que máis investimentos reais fai na provincia en obra pública, emprego, servizos sociais, deportes, turismo ou cultura. A día de hoxe, estes investimentos ascenden aos 221 millóns. Son datos oficiais procedentes dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos de 2016, 2017 e 2018, que se corresponden coas transferencias de capital, transferencias correntes e investimentos reais. É dicir, sen incluír custos correntes e de persoal”.

“A provincia sobrevive grazas ao esforzo individual de cada unha das familias lucenses, que contan co único apoio deste Goberno Provincial. Temos convertido á Deputación no motor económico e social de Lugo. E sómolo porque a Xunta de Galicia, cun orzamento máis de 100 superior ao da Deputación – máis de 9.000 millóns autonómicos fronte aos menos de 90 provinciais- practicamente non achega investimento algún á provincia. O Executivo galego fala de investimentos da Xunta na provincia cando se refiren ás axudas do GDR, que son na súa grande maioría -75%- fondos da Unión Europea; e ata fala de investimentos cando se refire a custos correntes que por lei teñen a obriga de asumir como colexios, centros de saúde, transporte público e ata as campaña da gripe. Á vista do novo orzamento da Xunta para a provincia, seguiremos con esta tendencia de aprobarse a miña proposta de Orzamento da Deputación para 2019”, engadiu.

Orzamento consolidado da Deputación para 2019: 88,4 millóns
O orzamento consolidado da Deputación de Lugo para o vindeiro ano é de 88,4 millóns de euros. Este inclúe o presuposto do Consorcio Provincial de Bombeiros con case 2,5 millóns que recollen, como en pasadas anualidades, a cantidade necesaria para a equiparación salarial destes profesionais cos do resto de Galicia. Tamén inclúe o presuposto de SUPLUSA, que é de 1,3 millóns para rematar coas encomendas de xestión vixentes ata maio de 2019. Finalmente, o propio orzamento da Deputación, onde xa figura a TIC, que deixou de ser un organismo dependente sen incrementar nin tipo de custo, é de 84,6 millóns de euros.

Plan Único, estradas, patrimonio público ou novas dotacións
11 millóns son para obras en infraestruturas e dotacións públicas municipais dos 67 Concellos mediante o Plan Único. Os fondos para esta programación aumentarán ata un mínimo de 21 millóns a través da incorporación de remanentes –a previsión é que os remanentes ascendan a cantidades semellantes ao ano pasado-. Na memoria do orzamento, o Presidente xa se compromete a achegar a lo menos o 70% dos remanentes ao plan.
15 millóns para mellorar as estradas da rede viaria provincial con obras novas, conservación ou parque móbil. 1,5 millóns de euros son para o mantemento de sumidoiros, alumeados públicos, parques e xardíns de titularidade provincial. Case 600.000 euros son para o funcionamento do servizos de arquitectura.
300.000 euros para rehabilitar o Mirador de Mondoñedo.
300.000 euros para habilitar unha tirolina entre os Concellos de Monforte de Lemos e Caldas de Rei co obxectivo de contribuír ao fomento turístico da Ribeira Sacra.
200.000 euros para recuperar a Casona do Incio.
200.000 euros para a posta en marcha do pavillón e piscina de Monterroso.
140.000 euros para a construción dun rocódromo na capital lucense e promocionar o deporte.

Posta en marcha e construción de centros de maiores
Son 6,3 millóns para a posta en marcha e construción de centros de maiores en Concellos da provincia. Desta cantidade, son 2 millóns os que se achegan para asumir os custos pola posta en marcha e financiamento das prazas a maiores da provincia, -para que todos poidan acceder ás mesmas con independencia da súa capacidade económica-, das residencias de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil. A previsión é abrir estas instalacións públicas progresivamente ao longo de 2019, unha vez listas as obras, obtidos os PIA e ter todos os documentos necesarios –regulamentos de acceso, ordenanzas fiscais…-. No seu conxunto, ofrecerán 370 prazas con prioridade de acceso para os veciños do Concello onde se sitúa o centro, logo para os da bisbarra e finalmente para lucenses en xeral. Todos contarán con axudas económicas da Deputación no acceso ás prazas.

Os restantes 4,3 millóns de euros son as partidas necesarias para poder continuar cos proxectos de construción das residencias de Becerreá, Guitiriz, Portomarín, A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, A Pontenova e Pantón. Esta última é a única que recibe a primeira partida de 500.000 euros para redactar o proxecto e as obras. As restantes teñen partidas comprometidas de anualidades pasadas, que non son suficientes para rematar as obras.

10 millóns para emprego
Son 10 millóns de euros os que se incorporarán ao Orzamento de 2019 para emprego. Desta cantidade, figuran xa 2,5 millóns de euros. 3 millóns serán para a terceira edición do DepuEmprego, cantidade á que se chegará con remanentes ao abeiro do Plan Único. 1,7 millóns son para asumir os custos laborais de case 25 lucenses menores de 30 anos co plan de Primeira Oportunidade da Deputación; de entre 40 e 50 desempregados lucenses que se incorporarán ás plantillas de colectivos sociais co TecendoEmprego; así como para os primeiros Premios de Emprendemento que recibirán 5 novas empresas do rural lugués para a súa posta e marcha e, finalmente, para cursos de formación sobre nichos de emprego na provincia, como a gandeiría, aproveitamento forestal ou agricultura ecolóxica, entre outros; sectores que necesitan man de obra especializada e que non atopan na provincia de Lugo. Actualmente, hai 150 lucenses que estaban no paro traballando en empresas e colectivos da provincia co Ben Empregado IV cuxos contratos seguirá asumindo a Deputación ata xuño, que é cando remata esta programación. Farao con máis de 200.000 euros, que tamén se incorporarán ao presuposto de 2019. Os Concellos da provincia teñen pendente de executar 2,6 millóns de euros da segunda edición do DepuEmprego para xerar novos postos de traballos nos municipios. Estes fondos tamén pasarán ao novo orzamento provincial.

Máis de 2,5 millóns na atención das persoas que máis o necesitan
Para continuar coa atención a 2.300 maiores da provincia a través do Servizo a Domicilio a non dependentes xa figuran 1,2 millóns de euros, que se incrementarán ata un mínimo de 1,5 millóns coa incorporación de remanentes, pois o SAF tamén se enmarca no Plan Único. Para atender a outros 1.600 maiores mediante a Teleasistencia gratuíta inclúense uns 515.000 euros. Destínanse 537.000 euros en concepto de subvencións nominativas a 55 colectivos sociais da provincia para contribuír ao desenvolvemento da súa actividade. Esta diríxese á atención profesional de lucenses con capacidades diferentes, en risco de exclusión social ou laboral, que sofren diferentes patoloxías (dano cerebral, discapacidade, alzheimer, autismo, hemofilia, esclerose múltiple, párkinson, fibromialxia, cancro…) ou ao fomento da igualdade. Campos Conde explicou que “concedemos estas axudas a través da modalidade de subvención nominativa para que estes colectivos, cos que colaboramos dende hai tempo, reciban canto antes os fondos que necesitan para poder desenvolver os seus proxectos. Non son as únicas axudas da Deputación en materia social ou de benestar, pois tamén concedemos subvencións excepcionais ao longo do ano unha vez que nos van presentando distintos proxectos”.

Educación pública
O Presidente incrementa aos case 500.000 euros os fondos destinados a medidas e actividades en impulso do Campus de Lugo a través do Plan de Choque. Destínanse a maiores 210.000 euros ao Rof Codina e á facultade de Relacións Laborais; e uns 340.000 euros á actividade da UNED. Son 1,6 millóns para a Escola de Imaxe e Son, a única pública na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, mantendo a matrícula gratuíta a non repetidores. Aos conservatorios de Vilalba, Monforte e Viveiro achéganselles 45.000 euros. No apartado de subvencións nominativas, inclúense axudas por valor de case 100.000 euros para o desenvolvemento de distintas actividades e proxectos educativos na provincia en colaboración con distintas colectivos. Por exemplo, coa Real Academia de Ciencias, Real Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Real Academia de Belas Artes, Fundación Antonio Gandoy, Asociación Educando en Familia ou o IES Foz para o Concurso Internacional de Baristas, entre outras.

Sector primario
Campos Conde achega uns 730.00 euros á construción da Granxa Experimental de Leite, que se está a realizar nas instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro para poñela a disposición do Campus de Lugo e desenvolver proxectos que redunden na mellora da competitividade das explotacións lácteas e na redución dos custos correntes destes profesionais. O Presidente decidiu tamén incrementar ata os 371.000 euros a colaboración con ACRUGA co obxectivo de axudar os produtores de Raza Rubia Galega. O orzamento recolle un investimento superior aos 470.000 euros para actividades en impulso da agricultura, gandeiría e pesca, pois hai prevista colaboración con colectivos como ASOPORCEL ou OVICA, entre outros moitos.

Hai un investimento de 221.000 euros para iniciativas que fomenten o desenvolvemento empresarial na provincia, así como subvencións nominativas á Federación de Comercio por valor de 25.000 euros, á Asociación Provincial de Hostalería de 60.000 euros ou á Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles de 40.000 euros.

Deportes
O departamento de deportes recibe 4,1 millóns de euros para continuar coa colaboración con clubs de todas as modalidades e dos 67 Concellos, mellorar ou habilitar novas instalacións públicas municipais, contribuír á celebración de distintos eventos, así como para o mantemento das instalacións provincias como por exemplo o Pazo dos Deportes. No apartado de subvención nominativas, inclúense 484.000 euros para a actividade ou celebración de citas deportivas dunhas 36 entidades deportivas.

Turismo, Cultura e Artesanía
Para a promoción turística da provincia destínanse 2,5 millóns de euros. Desta cantidade, preto de 650.000 son para continuar coa actividade dos catamaráns nas Rutas Fluviais. 6 millóns de euros son para o mantemento da rede museítistica (Museo Provincial, Museo de San Paio de Narla, Museo Etnográfico Pazo de Tor e Museo do Mar; encher de contido ditas instalacións e colaborar co conxunto do tecido asociativo. Nas subvencións nominativas figuran xa colaboracións coa Mancomunidade da Mariña ou o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra; o Festival 17º Ribeira Sacra, Semana Santa de Viveiro, Festa da filloa de Muimenta, Festa do Pemento de Mougán, A Heroica, Feiras As San Lucas, Danzas da Cervela, As Fachas, Festival de Jazz de Lugo, Semana do Cine… Dos 6 millóns de Cultura, o departamento de Artesanía e Deseño recibe case 1,3 millóns.

Exit mobile version