12 de novembro, 2018. O Grupo Provincial do PP lamenta a intención do presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, de facer que traballa pola provincia a semana na que oficialmente se ausenta da Deputación. Así, o BOP do 30 de outubro de 2018 recolle unha resolución da Presidencia na que figura que:
“Dado que o presidente desta Deputación, Darío Campos, se ausentará da provincia durante os días 31 de outubro ata o oito de novembro ambos os dous incluídos (…) resolvo delegar no vicepresidente Argelio Fernández Queipo a totalidade das funcións da Presidencia (…)”. (Achégase BOP).
Mentres Darío Campos oficializaba que non estaría na provincia, mediante a súa publicación no BOP, desde a institución seguiron enviando informacións á prensa con imaxes feitas con anterioridade para dar unha imaxe de visitas que non se corresponde coa realidade, é dicir, falsearon a realidade. Así, na propia web da Deputación poden verse a día de hoxe dúas visitas, unha delas a Láncara e outra á Pontenova, do día 31 de outubro, e outras dúas do día 7 de novembro a Láncara e Ribeira de Piquín.
Pode comprobarse como as fotografías que acompañan ás informacións de Láncara foron feitas o mesmo día e distribuídas con posterioridade, posto que Campos non se atopaba na provincia, como a mesma Deputación indicou a través da publicación no BOP. Desde o PP critican que a Deputación trate de simular unha actividade que non existiu para enmascarar a ausencia do presidente.