Ribadeo, 15 de novembro de 2018. O Partido Popular no Concello de Ribadeo critica ao alcalde por pedir agora axuda a outras administracións para arranxar o campo de fútbol Pepe Barrera, cando noutras ocasións, desde hai anos, votou en contra das numerosas iniciativas presentadas polo PP para mellorar o estadio. O portavoz popular, Jesús López Penabad, considera que o rexedor fai isto agora porque hai eleccións municipais en maio.
O voceiro do PP ribadense declara: “vimos estes días que o alcalde de Ribadeo solicita tanto á Xunta como á Deputación, ademais de ofrecer fondos propios, financiamento para arranxar o campo de fúbol municipal Pepe Barrera. A isto temos que dicir a boas horas mangas verdes, porque no ano 2015 o Partido Popular xa o levaba no seu programa electoral e cando Elena Candia foi presidenta da Deputación falouse da problemática que existía en Ribadeo co campo de fútbol xa daquela, e que hoxe en día segue”.
López Penabad di que “naquel momento falouse de que nun par de anualidades a Deputació se podería facer cargo xa non só de arranxar o Pepe Barrera senón tamén de facer outro campo, de herba artificial, que é moi necesario coa cantidade de nenos que hai na SD Ribadeo, que pasa de douscentos, máis o Ribadeo FC, que está en Preferente agora mesmo e estivo ata en Terceira. Pero desde o Concello o goberno municipal mirou para outro lado en todo momento”.
O portavoz do PP lembra ademais que presentaron varias mocións: “ durante o primeiro ano deste mandato o grupo popular presentou unha moción para instar á Deputación a facer ese campo de herba artificial, para solucionar un pouco o problema que ten o fútbol de Ribadeo. Negouse desde o propio Concello, primeiro o equipo de goberno a levar esa moción, e despois, cando solicitamos a urxencia para levalo a debate, negáronse todos en rotundo. Non o entendemos nunca porque era unha necesidade imperiosa e segue séndoo, como se pode observar”.
Jesús López engade que “dicían que había outras prioridades, que estaba a residencia. Por suposto que si, e agora a residencia está practicamente finalizada, pero quero recordar que hai partidas para asuntos sociais e partidas de deportes. Naquela época o vicepresidente da Deputación era Antonio Veiga, e na moción, que se levou á propia Deputación, falouse de que Ribadeo fora subvencionado cun pavillón polideportivo que temos aí e que desde o Concello non había ningunha petición para arranxar o Pepe Barrera”.
Para o voceiro do PP “resulta curioso, pero á vez lóxico porque en maio hai unhas eleccións municipais, e agora o alcalde pretende quedar ben cun colectivo, co deporte maioritario que hai en Ribadeo, que é o fútbol, que ten unha necesidade que era patente nos anos 2014, 2015, 2016, 2017, 2018 e vai selo tamén no 2019 polo paso que vai. Espero que teña sorte e consiga financiamento para poder arranxar un problema enorme que ten o deporte ribadense porque para poder xogar necesitamos un campo, e ese campo é impracticable a maioría das veces. Ofrecemos a nosa colaboración se fai falta desde a parte da Xunta ou de quen sexa para pedir o arranxo do Pepe Barrera, pero que pensen tamén en facer un campo de herba artificial, que fai falta pola cantidade de nenos, rapaces e adultos que está practicando o deporte do fútbol en Ribadeo”.