O Presidente avanzou que “esta colección está composta por 47 obras, 4 maquetas, ademais de 14 debuxos e bosquexos, que amosan un percorrido antolóxico pola obra deste singular autor valenciano. Esta iniciativa forma parte do colectivo Tá en Artes, que reivindicou ao longo deste ano con diversos actos, a figura deste mestre de artistas”.
Campos Conde sinalou que “a través desta exposición damos a coñecer a obra de Puchades, tras un ano intenso de celebracións, e podemos desfrutar da colección dun dos creadores vivos máis relevantes do panorama actual, dentro da nosa aposta por amosar a escultura que se realiza na nosa provincia”.
Modelando vidas
Esta colección que leva por titulo “Modelando vidas”, estará exposta ata o 27 de xaneiro no Museo Provincial, e esta composta por 47 obras, 4 maquetas, ademais de 14 debuxos e bosquexos, que amosan un percorrido antolóxico pola obra deste autor. Ademais, o Goberno da Deputación xa editou un catalogo coa obra de Puchades, e tamén realizará unha nova publicación coas pezas que poden contemplarse neste Museo Provincial.
PUCHADES
Juan Bautista Puchades Quilis, escultor e docente, naceu en Valencia o 16 de marzo de 1934. Estudou Belas Artes na Escola Superior de San Carlos da súa cidade natal -onde se especializou en escultura- e, dende 1970, é catedrático de Debuxo no ensino medio. En 1960, tras aprobar as oposicións, trasladouse a Mondoñedo para exercer como profesor no Instituto San Rosendo. Hai que sinalar, con respecto á súa actividade artística, que traballa a madeira, o bronce, a pedra e o ferro. Ademais, ten unha obra na exposición permanente do Museo Provincial de Lugo e en distintas coleccións públicas e privadas de España, Suíza, Portugal, Francia ou Arxentina.
Obtivo diferentes galardóns: primeiro premio Mestre Mateo (Santiago de Compostela,1971), primeiro premio Concurso-Exposición de Arte (Concello de Segorbe, Castellón, 1974), primeiro premio no Concurso-Exposición Bimilenario de Lugo (1976) e o primeiro premio na III Bienal de Escultura de Sarria (Lugo, 1977).
Pertenceu a distintos colectivos como Los Urogallos, Escultores Gallegos, grupo artístico e cultural O Feitizo, do que foi un dos seus fundadores, e ao grupo de Artistas Plásticos Lucenses. É autor, entre outras moitas obras, de Mariñeiros na brega (representación de dous mariñeiros tirando dun cabo que suxeita a proa dunha embarcación, obra feita en ferro en 1975, primeiro premio Concurso-Exposición Bimilenario de Lugo, doazón do Patronato ao Museo Provincial de Lugo), e de numerosa obra pública como Monumento aos caídos (Lugo, 1962), Homenaxe ás xentes do mar (Burela, 1984), Familia, Monumento á vida natural (Alfoz, 1992 e 1995), Antón Noriega Varela (Mondoñedo, 1969), Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1991), Chicho Balado (Monforte de Lemos, 1996), Antonio Gandoy Díaz, o cura da bicicleta, Puro Cora (Lugo, 2004 e 2008) e de Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1998).
Tá en Artes
Este colectivo agrupa a un grupo de profesionais que a través do seu proxecto queren potenciar e impulsar a arte na Mariña. Este ano dentro dos actos programados renden homenaxe ao artista Juan Puchades, dentro do slogan Arte-Educació, que leva como proposta a Escultura e o Patrimonio, e no que se traballou en tódolos centros escolares da Mariña, co fin de dar a coñecer a obra deste artista afincado en Mondoñedo.