Site icon Crónica3.com A Mariña

O mércores 28 de novembro, ás 20:30 h., na Libraría Bahía, de Foz, terá lugar a presentación da novela O alén dos barqueiros, de Anxo Muíños

Alfoz, 18 de novembro de 2018. O mércores 28 de novembro, ás 20:30 h., na Libraría Bahía, de Foz, terá lugar a presentación da novela O alén dos barqueiros, de Anxo Muíños, publicada pola Editorial Fanes.

O alén dos barqueiros é unha novela con varias posíbeis lecturas e dotada de compartimentos comunicados entre si. Técena uns fíos aparentemente desparellos, mais enfiados habilmente polo autor.

A mitoloxía, a cultura fluvial, a Guerra Civil, os guerrilleiros antifascistas e a represión, habitan as súas páxinas, mais por riba de todo, é a espiritualidade dun persoanxe á procura dun gran segredo -encontrar un espazo propio na vida e no mundo-, o leit motiv da narración.

Anxo Muíños (Taragoña-RIANXO, 1966) é mariño e traballa no buque hospital Juan de la Cosa, con bases en Santander e Las Palmas.
Este autor investiga desde hai anos a mitoloxía galega e cántabra (especialmente a vinculada coa cultura fluvial e marítima). Ten publicado con anterioridade a obra Ulín, un traballo poético con fío narrativo; tratándose O alén dos barqueiros da súa primeira narración longa.

O alén dos barqueiros está prologada polo novelista Lionel Rexes, quen cualificou a obra como unha irmandade harmónica entre un ensaio, un dicionario mitolóxico e unha narración completa e complexa.
O autor alfocés estará presente no acto de Foz, apoiando o lanzamento da obra na comarca da Mariña.

A novela inclúe ilustracións do artista plástico Humberto Loureiro (Sober, 1983), debuxante da Ribeira Sacra moi vinculado tamén á cultura fluvial.

SINOPSE DA OBRA ELABORADA POLO PROPIO AUTOR: “O sueco Ingemar sostén que a mitoloxía é a forma de psicoloxía máis antiga. Desvelar os misterios da vida a través das lendas é a paixón do estudante, algo que desexa plasmar nunha tese doutoral. O mito de Ulises buscando Ítaca suxírelle facer unha viaxe até Lisboa en busca de crecemento persoal. Na fronteira un comandante sospeita que o antropólogo é un espía soviético. En Portugal atopa a Salomé e continúan a andaina xuntos escoitando mitos de árbores sagradas, monstros das augas, espíritos mariños, labirintos, animais totémicos e barcos pantasma.”

Exit mobile version