Lugo, 20 de novembro, 2018. O Grupo Provincial do PP condicionará o apoio aos Orzamentos da Deputación de Lugo para o 2019 a que inclúan as partidas solicitadas nos acordos plenarios que se foron aprobando ao longo deste ano a iniciativa dos populares. En concreto, o PP fará especial fincapé en que exista a contía necesaria para a xestión de todas as residencias xa rematadas, sobre todo, a apertura do centro de maiores de Castroverde e para que a Deputación de Lugo subvencione a Residencia de Maiores de Sarria e Palas de Rei.
Así, en abril deste ano o PP conseguiu sacar adiante unha proposta que obriga á Deputación a implicarse coas residencias de titularidade municipal e de xestión pública. En concreto, os populares aprobaron que a Deputación de Lugo subvencione á Residencia de Maiores de Sarria e a todos os centros de titularidade municipal da provincia de Lugo de atención a persoas maiores sempre e cando os Plenos dos concellos así o ratifiquen para salvagardar a autonomía local, ao mesmo tempo e exactamente coas mesmas contías que ao resto de residencias e centros de día construídos pola Deputación por convenios cos concellos.
“Priorizamos os intereses da provincia e as súas necesidades e imos ser coherentes no que viñemos defendendo todo este tempo, polo que non podemos renunciar aos acordos que xa se teñen tomado en sede plenaria, e, polo tanto, para os que existe un compromiso da Deputación de Lugo”, indican. “A inclusión deses acordos nos Orzamentos condicionarán o noso apoio”, matizan.
Responsabilidade e coherencia
Os populares sinalan que a súa postura manterá a “responsabilidade e coherencia” que os caracteriza na súa labor como o grupo maioritario da oposición ao tempo que lamentan que o Goberno do PSOE, a pesar de estar en minoría, presentara os Orzamentos á prensa sen terllos entregado previamente aos Grupos que conforman a Corporación Provincial. “É por iso que aínda non podemos facer unha análise máis pormenorizada, porque non temos o borrador das contas, pero si fixar as liñas vermellas que non imos permitir cruzar”, expoñen.
“Un exercicio de deslealdade”
Desde o PP consideran “un exercicio de deslealdade” que a documentación aínda non fora entregada aos Grupos da oposición, pese a que lle foi presentada á prensa. “Están nun Goberno en minoría e non nos entregan a documentación, cando saben que o apoio do resto dos Grupos vai ser imprescindible para aprobar as contas”, explican.
Os populares cren que unha vez máis os asesores do presidente o intenten conducir ao fracaso, posto que presume de buscar o consenso “só de boquilla”, pero os seus xestos demostran que só buscan o enfrontamento “cando queda só unha semana para o Pleno no que se debaterán os Orzamentos e os Grupos da oposición aínda non teñen copia do documento, que xa coñece a prensa”.