Burela, a 17 de novembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés acusou hoxe ao PSOE e ao BNG de “cínicos” porque “durante o Goberno bipartito na Xunta foron incapaces de cambiarlle o teito ao Hospital de Burela ou reformar Xinecoloxía, tampouco dicían ‘nin pío’ sobre a ampliación nin ampliaron servizos e agora critican a ampliación do Hospital e mesmo a ampliación de servizos feita desde 2012 ata agora”.
Para os populares de Burela, “o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos, que vén a Burela en coche oficial e pagado pola Deputación, non tén nin idea do que é o Hospital da Mariña e fala de oídas. Polo tanto, debería enterarse antes de abrir a boca. Os socialistas, desde 2005 a 2009, non fixeron absolutamente nada polo Hospital. Foi no 2012 cando se comezou a traballar na ampliación do centro, que dende entón vai cumprindo os prazos establecidos, e se puxeron en marcha servizos coma HADO ou Oncoloxía e se realizaron melloras en Oftalmoloxía. Algo que eles nin tan sequera plantexaron”, matizan.
Así mesmo, consideran dende o PP que “sería bo que antes de dicir o que di falase co alcalde de Burela que non apoiou no seu día o PXOM que posibilita que esta ampliación se faga e que o mércores estaba tan encantado coas obras que mesmo chegou a afirmar que acendería as luces de Nadal coincidindo coa posta en funcionamento desta ampliación. O mesmo alcalde que, no seu discurso, quén sabe se por vergoña ou por falta de convicción, en ningún momento citou as verbas ‘área sanitaria’”, continúan.
Desde o Grupo Municipal Popular consideran que “o BNG foi cómplice do PSOE de que non se lle tocase ao Hospital da Mariña e de que non se ampliasen servizos durante a Xunta bipartita. Polo tanto, non están lexitimados para demandar nada”.
Os populares afirman tamén que “os prazos para levar a cabo a total ampliación e remodelación do Hospital estanse a cumprir conforme ao que se manifestou no seu día e estamos seguros que os usuarios valorarán positivamente as novas instalación”. É por iso polo que cren que “PSOE e BNG deberían pedir perdón por non ter feito nada no Hospital durante a Xunta bipartita e deixar de intoxicar á cidadanía”.