Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal Popular de Burela acusa a Llano e a Rey de mentir sobre o CEIP Virxe do Carme: “dixeron que gastaran 23.000 euros en mantemento e conservación cando entre 2017 e 2018 só gastaron 12.219’19”

Burela, a 20 de novembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés fixo públicos no día de hoxe os datos que lles foron facilitados polo propio alcalde de Burela sobre actuacións e gastos de mantemento e conservación efectuados polo Concello no CEIP Virxe do Carme. A petición foi formulada por escrito a través do rexistro electrónico o martes 13 e a resposta do alcalde efectuouse, tamén por escrito, o venres 16.
O Grupo Municipal do PP burelés, despois de analizar a documentación entregada polo alcalde, indica que “no Concello non constan partes de ningún tipo da empresa concesionaria do servizo de limpeza das dependencias municipais ou de competencia municipal de terse efectuado desinfección algunha no CEIP Virxe do Carme ata o pasado día 16 deste mes de novembro. Así, entendemos que efectivamente non se fixo ningunha desinfección cando xa na comisión informativa de asuntos de pleno celebrada o 24 de setembro se falou deste asunto. Lembramos que a limpeza e desinfección dos centros de Infantil e Primaria son de competencia municipal, non autonómica”.
Igualmente, os populares indican que “non existe ningunha memoria de actuacións de mantemento levada a cabo polo Concello nese centro de ensino que nos leva a pensar que non houbo ningunha planificación ao respecto e o que se fixo se fixo sen ningún tipo de rigor”.
O Grupo Popular Municipal analizou os datos dos pagos efectuados polo concello desde o 1 de xaneiro deste ano ata o día 15 deste mes de novembro en materia de mantemento e conservación de centros de Infantil e Primaria. Así, a táboa resultante é a seguinte:
PARTIDA PRESUPOSTARIA 323-22799 CENTROS EDUCATIVOS. OUTROS TRABALLOS DE EMPRESAS.
Reparación queimador…………………………………………. 68’97.
Autocares ANPA…………………………………………………… 3.000’00
Servicio realizado con dous autocares………………….. 780’01
Servicio realizado cun autocar……………………………… 704’00
TOTAL GASTOS PARTIDA 323-22799…………………………… 4.552’98
PARTIDA PRESUPOSTARIA 323-22199. OUTROS SUBMINISTROS.
Reparación queimador calefacción……………………… 150’40
Pintura……………………………………………………………….. 230’65
Ferretería……………………………………………………………. 44’18
TOTAL GASTOS PARTIDA 323-22199…………………………. 425’23
PARTIDA PRESUPOSTARIA 323-22699. OUTROS GASTOS.
Arranxo desbrozadora………………………………………… 81’80
Carpintería…………………………………………………………. 477’95
Menaxe……………………………………………………………….. 750’09
TOTAL GASTOS PARTIDA 323-22699………………………….. 1.309’84
PARTIDA PRESUPOSTARIA 323-212. CENTROS EDUCATIVOS. EDIFICIOS E OUTRAS CONSTRUCCIÓNS.
Carpintería………………………………………………………… 701’80
Obra………………………………………………………………….. 101’78
Cristalería………………………………………………………….. 174’24
Estores……………………………………………………………… 1.343’10
Obra impermeabilización……………………………………. 2.541’00
TOTAL GASTOS PARTIDA 323-212…………………………….. 4.861’92
TOTAL GASTOS…………………………………………………………. 11.149’97
Segundo os populares, “do total de 11.149’97 euros, se deducimos os gastos de autobús, o que queda investido polo Concello no mantemento e conservación do CEIP Virxe do Carme resulta ser 6.665’96 euros. Polo tanto, atópase moi lonxe do que falaban o Sr. Llano e o Sr. Fenández Rey, que dixeron que o Concello investira 23.000 euros. Iso é mentira, porque durante todo o ano 2017 o investido no indicado centro de ensino, segundo os datos facilitados polo alcalde, foi de 5.553’23 euros distribuídos así:
TOTAL PARTIDA 323-212…………………………………………………………. 1.454’42
TOTAL PARTIDA 323-22799……………………………………………………… 536’64
TOTAL PARTIDA 323-22699……………………………………………………… 2.687’40
TOTAL PARTIDA 323.22199……………………………………………………… 874’77
“Nin sumando o total de 2017 e do que vai de 2018, que fai un total de 12.219’19 euros, saen as contas da leiteira destas dúas persoas que intentan intoxicar ao alumnado e ás súas familias e á sociedade de Burela en xeral. A estes dous señores hai que dicirlles que se caza antes a un mentireiro ca un coxo”, manifestan os populares.
Polo tanto, dende o Grupo do PP esíxenlle ao alcalde que explique “que obras de impermeabilización se fixeron con 2.541 euros porque nos parece un mero parche oportunista para dicir que se fixo algo cando en realidade non se solucionou nada. Estamos seguros que os pais e nais e veciños en xeral que lean estes números tan fríos saberán sacar as súas propias conclusións”, engaden.
“Ademais, resulta elocuente o silencio neste asunto do concelleiro delegado de Educación, José Díaz, que evidentemente está ao seu e isto do ensino e do mantemento e conservación dos centros de ensino o trae sen coidado”, lamentan.
Finalmente, desde o Grupo Municipal do PP manifestan a súa “satisfacción e agradecemento á Xunta de Galicia pola celeridade en buscar unha solución aos problemas do CEIP Virxe do Carme atendendo así as lóxicas e comprensibles peticións dos pais e nais de alumnos dese centro. Sen dúbida, o investimento de preto de 900.000 euros é respectable e, polo tanto, estamos seguros de que cubrirá suficientemente as demandas de reforma integral que precisa o centro”.
Pero tamén cren os populares de Burela que “temos que esixirlle ao Sr. Llano que se mida máis á hora de facer declaracións que son tendenciosas por un lado, mentira por outro, e de confrontación en todo caso. Os datos que el mesmo nos facilitou non teñen desperdicio e din o que din. Os números son fríos, pero clarificadores. E a falla de documentación deixa en entredito a quen o único que tenta é escorrer o bulto. E que por riba non traballa: o alcalde só remitiu, durante 2017 e 2018, dous escritos á Xunta sobre este asunto e non nos consta ningunha reunión con responsables da Consellería de Educación nin sobre este asunto nin sobre ningún outro da materia. Patético”, conclúen.

Exit mobile version