Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno investirá máis de medio millón de euros en melloras na costa da Mariña

Burela, 23 de novembro de 2018. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de máis de medio millón de euros para obras de mellora da costa da Mariña. A subdelegada do Goberno fixo este anuncio en Burela, durante unha visita que efectuou, acompañada polo alcalde, Alfredo Llano, á primeira das actuacións que pon en marcha o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar dentro do plan de conservación e mantemento da costa. Este plan conta cun orzamento total de máis de 220.000 euros para a realización de melloras na comarca da Mariña.

A subdelegada do Goberno explicou que “con este importante esforzo inversor queda claro o noso compromiso cos veciños da Mariña e a súa calidade de vida, tamén demostramos con feitos a nosa aposta por esta comarca que consideramos fundamental para a provincia de Lugo, polo seu dinamismo económico, os valores ambientais e os seus atractivos turísticos, que son un importante recurso económico para todos os mariñáns”.

Isabel Rodríguez e Alfredo Llano inspeccionaron esta mañá, no Cantiño, na zona do Castro, o comezo dos traballos que levará a cabo a Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar no municipio de Burela onde se van instalar novas varandas e tamén está previsto facer reparacións no paseo marítimo e nas zonas do espigón danadas polos temporais de 2018.

Esta é unha das actuacións incluídas no plan de conservación de mantemento no litoral da costa de Lugo, que suporá un investimento total de 223.877 euros para a realización de melloras en todos os concellos da comarca da Mariña.

CETÁREA DE SAN CIBRAO

Ademais, Isabel Rodríguez anunciou que hoxe mesmo comezaron os traballos previos para outra obra que executará na Mariña o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Trátase da demolición da parte superior da cetárea en San Cibrao, no concello de Cervo, que conta cun orzamento de 31.807 euros. Os traballos desta actuación comezarán dentro duns días.

PORTIÑO DE MORÁS

A subdelegada do Goberno explicou, tamén, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica ten prevista outra importante inversión, neste caso no Concello de Xove, consistente na supresión do tráfico rodado e o acondicionamento do contorno do portiño de Morás. A execución deste importante proxecto xa foi encargada e suporá un investimento de 360.544 euros.

Exit mobile version