Durante os últimos 6 meses realizáronse distintas accións encamiñadas á mellora da competitividade do sector turístico na Mariña. Por unha banda buscouse a implicación dos distintos axentes que conforman a oferta, polo que se acometeu un plan de captación, véndose incrementado o número de empresas adheridas ao proxecto. Por outra banda, incidiuse en aspectos formativos de orientación práctica, para o cal se organizaron obradoiros de marketing online e de creación de sinerxías no destino.
A maiores, realizáronse visitas de avaliación da calidade e de asesoramento individualizado en máis de 30 empresas turísticas, co gallo de incorporar coñecemento sobre a realidade de cada negocio. A partir da información recollida elaboráronse informes de diagnóstico que servirán ao GDR para o deseño de futuros proxectos.
Unha das iniciativas que máis interese suscitou entre os axentes vinculados ao sector turístico foi o deseño de experiencias paquetizadas. Agrupan en total a 8 establecementos de aloxamento, 29 recursos turísticos, 12 concellos, 11 establecementos de restauración e 27 produtores e museos. Todos eles foron seleccionados para esta primeira edición de paquetización por razóns de equidade territorial, redistribución de fluxos turísticos e fomento do turismo sostible. Resulta especialmente destacable que as experiencias están deseñadas para épocas de menor ocupación, posto que a desestacianalización tórnase como obxectivo prioritario para o GDR.
Os resultados foron presentados este martes nun concurrido acto público presidido polo presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez Sierra- López, e a xerente, Mª Elena Martínez Paz. Asistiron tamén autoridades dos municipios implicados, así como representantes dunhas trinta empresas adheridas. A presentación da parte técnica correu a cargo da empresa executora, Valora Consultores.