Site icon Crónica3.com A Mariña

O delegado do Goberno traslada á alcaldesa de Viveiro a dispoñibilidade do Executivo central para colaborar cos afectados polas inundacións do domingo

A Coruña, 19 de novembro de 2018.- O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, trasladoulle esta mañá á alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, a dispoñibilidade do Executivo para colaborar cos afectados polas intensas chuvias rexistradas na tarde do domingo.
O delegado do Goberno lembrou que os afectados poden acollerse ás axudas reguladas na lexislación actual, para as que o Concello está a avaliar os danos rexistrados. Unha vez feito este traballo, a Subdelegación do Goberno pon a súa experiencia na tramitación destas axudas a disposición dos veciños afectados para que toda a documentación se tramite de forma correcta e se evite unha perda de tempo ante posibles erros.
O Real Decreto 307/2005, do 18 de marzo, contempla axudas a familias e establecementos para paliar os danos materiais producidos en vivendas e aveños, establecementos e outros servizos. A axuda ofrecida a veciños e empresas irá en función do cumprimento dos requisitos contemplados no Real Decreto. O contido das subvencións de axudas familiares que poden solicitar, así como os prazos e as peculiaridades da tramitación, serán xestionadas pola Subdelegación do Goberno en Lugo e resoltas pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior.
As intensas choivas rexistradas neste concello da Mariña lucense este domingo, que acadaron os 80 litros por metro cadrado nunha hora e media, fixeron subir o nivel da auga entre un e dous metros nesta zona da vila de Viveiro, na que se sitúa un tramo do río Landro. Nestas inundacións faleceu unha veciña de 83 anos.

Exit mobile version