Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo porá en marcha no mes de decembro varias accións formativas dirixidas a persoas desempregadas, financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria

Ribadeo, 7 de novembro de 2018. O Concello de Ribadeo porá en marcha no mes de decembro varias accións formativas dirixidas a persoas desempregadas, financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Segundo explican desde a Área de Desenvolvemento Local “as accións formativas a desenvolver son as de Competencia matemática Nivel 2, Comunicación en lingua castelá Nivel 2 e Comunicación en lingua galega Nivel 2. Estas Competencias Clave son necesarias para aquelas persoas que non conten cos requisitos formativos para acceder aos cursos de formación con Certificado de Profesionalidade de Nivel 2, como poden ser os relacionados co coidado de persoas, tanto en domicilios como en institucións, emerxencias sanitarias, socorrismo, obradoiros de emprego, etc”.
E subliñan que “para poder acceder a esta formación é necesario atoparse inscrito/a como demandante de emprego na Oficina de Emprego, e manifestar o interese en participar nestas accións formativas”.
Os cursos son totalmente gratuítos, e contan cunha axuda económica para o desprazamento. Ademais, e dependendo da situación económica e familiar, o alumnado poderá solicitar unha bolsa pola asistencia ao curso.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Servizo de Orientación Laboral do Concello de Ribadeo, tanto de xeito presencial coma a través do teléfono 982 128 650.

Exit mobile version