Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo divulga a publicación ‘Tractores na néboa’, que se presentará mañá no Centro Comarcal

Mondoñedo, 15 de novembro de 2018.- O Concello de Mondoñedo divulga o libro ‘Tractores na néboa´, a través dunha presentación pública que se celebrará mañá, ás 20:30 horas, no Centro Comarcal Pazo de Santo Tomé da localidade.

A publicación ‘Tractores na néboa’ aglutina imaxes dos tractores clásicos que se concentraron no campo da feira da localidade durante as feiras e festas das San Lucas, tras realizaren previamente unha ruta entre Abadín e Mondoñedo. Estes vehículos agrícolas circularon por diante da Cova do Rei Cintolo, da Fonte Vella e pola Praza da Catedral ata chegar finalmente ao campo da feira.

A Asociación As San Lucas de Mondoñedo, organizadora das Feiras de Festas das San Lucas, incluíu na programación das festas durante o 2017 e o presente ano 2018 unha exposición de tractores clásicos, que o propio presidente, Miguel Souto, define como “volta á orixe, xa que moitos destes vehículos agrícolas foron vendidos nas San Lucas dos anos 50 e 60 do pasado século”. Esta actividade comezou, nas dúas edicións, cunha ruta entre Abadín e Mondoñedo de tractores clásicos, coa colaboración da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMAC), que foron recibidos finalmente no campo da feira.

Guía dos recursos turísticos da localidade
‘Tractores na néboa’ é editado pola Fundación Jorge Jove e Campo Galego, coa colaboración da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMAC). Esta publicación recolle, polo tanto, imaxes dos diferentes vehículos agrícolas que asistiron ás Feiras e Festas das San Lucas, xunto con información de cada un destes históricos medios de traballo no agro. En cada edición participaron sobre uns 30 tractores chegados de diferentes localidades galegas. Ademais das fotos dos vehículos agrícolas clásicos, o libro tamén inclúe información de diferentes recursos turísticos da cidade de Mondoñedo.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, agradece esta iniciativa que permite, por unha banda, poñer en valor “estes vehículos clásicos que forman parte da nosa historia e que contribuíron á dinamización do noso rural” e, por outra banda, “esta publicación tamén serve de guía dos recursos turísticos da localidade”.

Á presentación asistirán a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; o presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, así como representantes da Fundación Jorge Jove, Campo Galego e integrantes de AGAMAC, entre eles o seu presidente, Manuel Iglesias Pérez . Dende o Concello de Mondoñedo ofreceranlles a todos eles previamente unha visita guiada polo casco histórico.

Exit mobile version