Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo continúa a promover distintivos que potencian aínda máis o atractivo turístico da cidade durante o Nadal

Mondoñedo, 24 de novembro de 2018 .- O Concello de Mondoñedo continúa a promover distintivos que potencian aínda máis o atractivo turístico da cidade durante o Nadal. O concelleiro de Educación, Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto García, anuncia tanto a inauguración da iluminación de Nadal o próximo sábado 8 de decembro, como a convocatoria dun novo Concurso de Adornos de Nadal.

O edil, que asegura que o actual Goberno “segue a apostar por embelecer e engalanar a nosa cidade despois da súa inclusión na rede dos Pobos máis Bonitos de España”, destaca a implicación do Concello “por mellorar a iluminación de Nadal tanto nas prazas como nas rúas co obxecto de facela máis atractiva”. Neste senso, Alberto García informa que “de novo colocaremos unha árbore de Nadal na Praza da Catedral, pero de maior altura e noutras tonalidades, ademais de que as principais rúas contarán con ambientación musical de Nadal”.

Concurso de Adornos de Nadal
De igual xeito, dende o Concello organízase a segunda edición do Concurso de Adornos de Nadal aberto a todos os veciños coa finalidade de “incentivar a decoración de Nadal nas vivendas e de difundir o ambiente destas datas polas rúas, promovendo a participación activa co obxecto de entre todos acadar un conxunto de Nadal integrado tanto no casco histórico como en todo o municipio”, explica o edil.

Así, as bases establecen dúas categorías. A modalidade individual, dirixida a particulares de vivendas que adornen as súas fachadas, balcóns, portais ou baixantes de auga, entre outros; e a modalidade colectiva, na que as comunidades de veciños, barrios, rúas ou prazas decorarán árbores, fachadas, farois ou mesmo parques.

En canto ao xurado, este estará composto por representantes da Oficina Municipal de Rehabilitación do Casco Antigo, da Oficina Municipal de Turismo, da Mancomunidade de Turismo, da Xunta de Galicia e dunha asociación elixida por sorteo. Serán os encargados de valorar aspectos tales como as composicións e deseños acordes co Nadal e respectuosos co entorno; a variedade na iluminación; a orixinalidade; a introdución de elementos tradicionais; ademais de que se recomenda a colocación de guirnaldas con tonalidades verdes, vermellas, con dourados e prateados. A zona elixida para ser decorada deberá ser visible á vía pública.

Os interesados poderán inscribirse tanto a través do correo electrónico decoramondonedo@gmail.com como no Portelo da Casa do Concello (primeiro andar), indicando o nome, apelidos, enderezo e teléfono de contacto. O período para anotarse empeza mañá (25 de novembro) e prolongarase ata o 23 de decembro. Así, a duración do concurso enténdese dende o momento no que o interesado decida anotarse (nunca máis tarde do 22 de decembro) ata o día 6 de xaneiro.

Os premios do concurso serán un primeiro de 60 euros e un segundo de 40 euros tanto na modalidade colectiva como na individual. Tamén haberá un premio especial para a mellor árbore de Nadal na zona rural, dotado con 50 euros.

Exit mobile version