Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz iniciou hoxe as obras da segunda fase da remodelación do pavillón polideportivo de Marzán

Foz, 19 de novembro de 2018. O Concello de Foz iniciou hoxe as obras da segunda fase da remodelación do pavillón polideportivo de Marzán. O investimento supera os 150.000 euros, sufragados integramente por fondos municipais. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explica que estas obras afectarán moi pouco ás actividades que se celebran nesa instalación.
O rexedor municipal anunciou que “comezaron as obras da segunda fase de remodelación do pavillón, concretamente obras que afectan á cuberta, que se suplementa cunha capa de aislante máis unha capa de nova chapa de cubrición. Afecta tamén aos lucernarios laterais e na súa parte interior colocarase unha lona divisoria, que solicitou no seu momento o club de ximnasia rítmica, máis tamén unha lámina protectora do parqué para mellorar con moito a súa durabilidade”.
Javier Jorge Castiñeira subliña que “en total suman as obras máis de 150.000 euros, que sufraga integramente o Concello de Foz e que van á conta dese remanente que quedou na baixa desa obra. A empresa que o está executando é Construcciones y Canalizaciones José Sáa, que foi a mesma que fixo a obra e que foi a única que se presentou ao concurso”.
O alcalde di que “solicitamos paciencia aos usuarios, aos clubs que están usando o pavillón e a todas as persoas para coordinar as obras nestes próximos días, aínda que vai afectar moi pouco á actividade do propio pavillón”.
Castiñeira fai fincapé en que “son unhas melloras importantes, entre as dúas fases suman máis de 600.000 euros, que sufraga totalmente o Concello, e que son froito dun acordo, no seu momento, entre o Partido Popular, que é o equipo de goberno, máis o BNG, e que era unha das condicións que se puxeron para aprobar os orzamentos do ano 2017”.
O rexedor salienta que “son boas novas e esperemos que os traballos queden perfectamente para rematar xa estas obras tan importantes que se están a facer no pavillón polideportivo do Concello de Foz”.

Exit mobile version