O rexedor, Alfonso Villares, asinou esta mañá o contrato coa empresa que resultou adxudicataria da obra, Ovisa Pavimentos y Obras S.L, que contará cun orzamento de algo máis de 640.000 euros (641.977,21 euros concretamente), procedentes da Xunta de Galicia, froito dun convenio subscrito no seu día coa Axencia Galega de Infraestruturas.
Villares precisou que se trata dunha actuación importantísima para esta vila porque estamos a falar da creación dunha nova arteria que “será unha alternativa de entrada e saída a San Cibrao, que aliviará e desconxestionará moito o tráfico do centro do pobo”.
O alcalde apuntou, así mesmo, que o trazado inicial viuse variado para evitar pendentes e “ofrecer así tamén unha saída funcional do Polígono de Cuíña aos vehículos pesados, mentras a Deputación Provincial non executa a avenida de acceso que ten comprometida”.
A nova rúa terá unha lonxitude de 350 metros e unha anchura de 12 metros que favorecerá o dobre sentido da circulación; así mesmo están proxectados aparcadoiros e beirarrúas en ámbolos dous lados da calzada e tamén se construirá unha nova ponte sobre a vía do tren, e dúas glorietas -unha fronte ao centro de saúde e outra na zona de Galdín-; ademais da incorporación de nova iluminación e da dotación de servizos de saneamento e recollida de pluviais.