Cervo 18-11-18. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, mantiveron unha xuntanza cos apicultores do municipio no salón de plenos, que foron convocados para entregarlles produto atraínte para elaborar trampas ao pé das comeas para capturar velutinas, xa que, “estase a detectar nestas últimas datas unha presenza moito maior desta especie, en comparación cos meses anteriores”, apuntou Villares.
Nos dous últimos anos, o Concello de Cervo investiu máis de 8.000 euros en atraínte que repartiu entre os apicultores, co fin de colaborar con eles na súa encrucillada contra estes insectos, para defender o seu traballo e o das súas abellas.
Son cartos que cremos ben xustificados -engadiu o rexedor- “porque estamos a loitar contra esta especie invasora, tentendo minimizar os seus efectos, que afectan ao traballo dos nosos apicultores e das abellas, tanto na produción de mel, como na importante faceta polinizadora desta especie”.
Villares sinalou que a nosa intención é seguir estando ao carón dos nosos apicultores, tal e como vimos facendo desde que temos constancia da presenza da velutina no noso municipio; “traballando coordinadamente con eles para afrontar esta problemática, tentando minimizar o impacto desta especie invasora”.