Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo entregou composteiros de balde aos veciños que o solicitaron

Cervo, 12 de novembro de 2018.- O Concello de Cervo vén de entregar unha decena de composteiros aos veciños que así o solicitaron.
Ao acto, que tivo lugar esta tarde no salón de actos do Concello, asistiron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez o de Medio Rural, Plácido Pérez
Trátase dunha campaña de compostaxe doméstico que a concellería de Medio Ambiente vén desenvolvendo periodicamente dende o ano 2010, e, a día de hoxe, xa son preto de 200 (188 concretamente) as familias que contan con este recipiente nos seus fogares.
Villares precisou que con esta campaña o que pretendemos é fomentar a autoxestión dos residuos orgánicos, co que conseguimos un compost ou fertilizante natural de alta calidade para a nosa terra e as nosas plantas, ao tempo que reducimos a xeración de lixo que iría ao contenedor convencional, contribuíndo así coa protección do medio ambiente”.
Dende o Concello –engadiu- pretendemos cubrir todo o proceso deste programa que vai dende “a entrega gratuíta dos composteiros, a formación e apoio aos usuarios na posta en marcha, así como o posterior asesoramento e seguemento da utilización do recipiente, co fin de que a experiencia sexa gratificante en tódolos aspectos”.
Pola súa banda, Mali Méndez, incidiu nas multiples vantaxes da compostaxe doméstica “coa que contribuímos a reducir o volume global dos residuos, minimizamos o excesivo uso de fertilizantes químicos, reducimos a frecuencia de recollida dos contenedores xenéricos por parte dos servizos municipais e, consecuentemente, o custo económico que supón para as arcas municipais a súa axeitada xestión e tratamento”.

Exit mobile version