No acto, concibido para formalizar a relación existente entre ámbalas dúas institucións, tamén estiveron presentes a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, o Director do Departamento de Infraestructura Geocientífica y Servicios, José Manuel Baltuille, e o investigador do Instituto Geolóxico y Minero de España, Jorge Fernández, que fora o encargado de guiar os dous roteiros que organizou en meses pasados a delegación de Turismo polas canteiras históricas da Ribeira de Lieiro; un itinerario de pouco máis de 2 quilómetros que parte das Antigas Fábricas de Salgadura ata a Praia da Limosa, no que se poden ver vestixios do traballo dos canteiros ao longo dos séculos en forma de frontes, bancos de traballo, trincheiras, cuñas e barreños, para extraer os sillares e mampostos cos que logo se construíron as edificacións tradicionais da vila.
No percorrido instaláronse diferentes fitos que nos permiten afondar no pasado canteiro de San Cibrao; de onde se exportaron as laxas que se empregaron, por exemplo, para o empedrado da Praza Maior de Oviedo.
Villares precisou que desde o Concello estamos a facer unha aposta decidida pola divulgación e a posta en valor de todo o noso patrimonio natural e arquitectónico, “porque cremos que é fundamental traballar pola súa preservación e dalo a coñecer a toda a veciñanza pola importancia que ten na nosa historia”.
O rexedor apuntou que este é o punto de partida dunha relación de colaboración fluída e estable no tempo co fin de programar diversas actividades para divulgar esa parte tan importante do noso pasado.