Cervo, 27 de novembro de 2018.- O Concello de Cervo vén de inaugurar un novo curso do taller de memoria que programa cada ano a delegación de Servizos Sociais, e que imparte polos locais das diferentes parroquias do municipio a técnica deste departamento, Elisabet Peña.
O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, estiveron co alumnado que participa no obradoiro que se imparte na Casa do Mar de San Ciprián, compartindo un anaquiño con eles e vendo como se desenvolve a actividade na que, fundamentalmente, se traballan técnicas e estratexias co fin de fortalecer e rehabilitar a atención, a orientación, a memoria, o razonamento, a linguaxe, o cálculo, a psicomotricidade e as funcións cognitivas en xeral.
Neste novo curso, que é xa a duodécima edición, son 32 os veciños e veciñas que participan nos obradoiros polo que tal e como sinalou Villares “é unha actividade máis que consolidada dentro da programación lúdica-cultural que deseñamos para os nosos maiores; tentando ofrecerlles todas as ferramentas que están ao noso alcance para estimular e dinamizar o seu día a día, ao tempo que traballan e exercitan esa facultade tan importante que temos, como é a memoria; contribuíndo a mellorar o seu estado de ánimo, a súa autoestima, fomentando as relación sociais…; en definitiva, tentando mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
Villares e Armada animan a todos eses veciños que aínda non participan no taller de memoria a que se sumen á actividade que é moi positiva en todos os aspectos.