Cervo, 9 de novembro de 2018.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Obras, Plácido Pérez, desprazáronse ata a parroquia de Rúa, onde, acompañados polo alcalde pedáneo da parroquia, Ramón Alemparte, supervisaron os traballos de acondicionamento que se están a acometer nunha pista rural coñecida Camiño Plantío -Lagoa – Pena Esvaradía.
A actuación está financiada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, con case 40.000 euros procedentes de fondos AGADER (39.632 euros concretamente).
Villares quixo “agradecer aos 41 propietarios das parcelas lindeiras a súa boa disposición e as facilidades que amosaron para poder acometer esta actuación que favorece o acceso ás súas fincas”
En concreto, estase a ampliar esta finca forestal ata unha anchura de 5 metros; executando cunetas e táxeas para favorecer a drenaxe da estrada; ademais estanse a levar a cabo traballos de preparado do firme existente, para, posteriormente, rematalo cunha capa de xabre artificial debidamente compactada.
O rexedor destacou que se trata dun vial moi transitado, que dá saída a moitas pistas da zona; “e con estes traballos conseguimos unha vía de calidade, melloramos o tránsito, facilitando que se poidan cruzar dous vehículos sen limitacións, ao tempo que seguimos a traballar pola vertebración das nosas aldeas”.