Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG recollerá sinaturas en Barreiros contra a suba do recibo da luz

Barreiros, 6 de novembro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego colocará un punto de información e recollida de sinaturas sobre a suba da enerxía e o recibo da luz en Barreiros, o vindeiro venres, 8 de novembro, de 9 a 12.
O punto informativo colocarase na beirarrúa de enfrente do concello e nel, a formación nacionalista recollerá sinaturas entre as persoas que apoien as medidas propostas para lograr unha rebaixa no recibo da luz e estabilidade na tarifa eléctrica.
Desde o BNG veñen defendendo a necesidade dunha tarifa eléctrica galega, que permitiría reducir o custo da enerxía sobre un 30% con respecto ao prezo actual. “É de xustiza que nun País produtor coma Galiza, poidamos beneficiarnos cando menos nos nosos recibos, tendo en conta o impacto que teñen as infraestruturas produtoras de enerxía, tales como encoros ou os eólicos nos montes”, afirma a portavoz en Barreiros, Ana Ermida. “O que non é normal é o que está pasando actualmente, que as consumidoras e consumidores galegos teremos que pagar máis no noso recibo da luz en beneficio das eléctricas.”, aseguran.
Desde a formación frontista defenden a eliminación dos suplementos territoriais que se contemplan nos recibos, “xa que supoñen unha clara discrimación para Galiza”. Propñoen tamén a baixada do IVE do 21% que actualmente grava a enerxía ao 4% dos produtos básicos, “porque a día de hoxe a enerxía tense convertido nun ben de primeira necesidade e, por iso, debe garantirse que toda a poboación teña acceso a ela.”
O BNG vai un paso máis aló e defende que aquelas centrais que rematen a concesión, fundamentalmente encoros que se consturíron durante o franquismo con un importante impacto social e ecolóxico, retornen a mans públicas e se xestionen por unha empresa pública galega que socialice os beneficios da producción eléctrica en Galiza”.

Exit mobile version