Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG preguntará no pleno polo escrito do Colexio de Enfermería de Lugo sobre a falta de funcionamento de desfibrilador nas praias de Barreiros

Barreiros, 24 de novembro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego preguntará no pleno do vindeiro luns por un escrito presentado polo Colexio de Enfermería de Lugo sobre o mal funcionamento do desfibrilador do servizo de salvamento e socorrismo nas praias de Barreiros durante un rescate o pasado verán.
Segundo puido coñecer o BNG, a falta de que lle sexa facilitado o escrito, o colexio profesional traslada a información achegada por unha persoa colexiada que presenciou un rescate no que o desfibrilador non puido ser utilizado, ao estar estropeado.
A portavoz municipal, Ana Ermida, asegura que “de ser certa esta información, estaríamos ante unha situación gravísima, na que o goberno municipal tería a responsabilidade de ter un servizo de salvamento e socorrismo infradotado de medios suficientes e eficaces para desenvolver a súa labor.”
A formación nacionalista sinala que “isto xa sería o despropósito absoluto, porque estaríamos falando xa non dun problema de mala xestión, senón de que se está a xogar coa vida das persoas. Esta situación vén derivada do descontrol sobre os medios existentes no concello, só hai que ver como se trata o material; pero a importancia é aínda maior polas consecuencias que pode ter”, afirma Ana Ermida.
No pleno que terá lugar o luns, 26 de novembro, ás 19:30 horas, o BNG pedirá novamente coñecer o escrito e o expediente ao que debera ter dado lugar, e solicitará explicacións por parte do goberno municipal ante “unha situación que, sumada á imaxe que se está a dar nos últimos anos no relativo á xestión das praias, confirmaría o descontrol absoluto sobre un servizo que ten sido pedra angular no concello de Barreiros e, que ademais, estaría poñendo en risco a todas as persoas que acuden aos areais barreirenses”, conclúen.

Exit mobile version