Mondoñedo, 22 de novembro de 2018. O grupo municipal do BNG no concello de Mondoñedo explica nun comunicado o seu voto en contra do orzamento para o ano 2019 por carecer de obras novas de envergadura e por manter o mesmo desequilibrio de gasto entre a zona urbana e a rural de anos anteriores.
Eloi Cabanas, voceiro do BNG no concello, apunta que son varias as cuestións polas cales votaron en contra do proxecto de orzamentos.
-PARTIDAS DE GASTO MOI XENÉRICAS QUE SON UN CAIXÓN DESASTRE-
Segundo Eloi Cabanas, “danos a sensación de que isto está feito a propósito aproveitando que ven aí un ano electoral”, partidas como a de “Outros gastos diversos” que aumenta con respecto ao ano pasado nun 28% ou a de “Outros traballos realizados por outras empresas e profesionais” que aumenta en máis de 87.000€, impiden clarexar en que se van investir os recursos do concello.
-DESCOÑECEMENTO DA NECESIDADE DO INCREMENTO DE DETERMINADAS PARTIDAS DE GASTO-
O edil nacionalista lembra que preguntou en comisión informativa de asuntos do pleno polo incremento de varias partidas e que ninguén do goberno que asistiu á comisión soubo explicar con detalle. “Chama á atención que a partida de Atencións protocolarias e representativas aumente nun 129% con respecto ao ano 2018 pasando de 8500 a 19500€”.
-REPARTO DE AXUDAS A ASOCIACIÓNS POUCO OBXECTIVA-
Para o BNG, o concello debe colaborar para garantir a realización de actividades que desenvolven as diversas asociacións do concello pero non están de acordo en deixar en mans do criterio da alcaldesa o reparto das axudas. O BNG defende unha vía máis transparente de axudas que son as subvencións en réxime de concorrencia competitiva.
-ANEXO DE INVERSIÓNS DESEQUILIBRADO ENTRE A ZONA URBANA E A RURAL E ACTUACIÓNS EN PROPIEDADES PRIVADAS-
O BNG denuncia que só un 25% do anexo de inversións vai destinado ao rural fronte a un 75% que vai para a zona urbana e repróchanlle a alcaldesa a falta dun proxecto para o rural que vaia máis alá de desbrozar pistas ou abrir algún camiño.
O grupo nacionalista criticou tamén que parte dos recursos cos que se van financiar as obras do premio Parabéns van ir destinados a bens privados, o voceiro nacionalista aclara que “o concello ten moitos edificios e espazos públicos onde empregar o diñeiro de todos e todas antes de rehabilitar o muro de cerre do seminario, da catedral ou de acometer a demolición da construción inacabada da avenida das San Lucas que está ao lado do sanatorio de Cabanela”.
-ACORDOS PLENARIOS-
O BNG interesouse polo estado de execución das iniciativas que presentou o seu grupo en plenos anteriores, que foron aprobadas pola corporación e que non están recollidas no orzamento.
Aínda que non se recollen no anexo de subvencións, Elena Candia comprometeuse a elaborar as liñas de axudas para colaborar economicamente cos estudantes de menor renda na adquisición de libros de texto, material escolar e gastos de transporte. Cabanas cree que se deberían reservar dúas partidas para tal efecto e lamenta que proxectos que se aprobaron en pleno como a elaboración dun inventario de camiños públicos ou o cobro dunha taxa ás empresas de enerxía eléctrica e gas pola ocupación do dominio público non estean contemplados neste proxecto de orzamentos.
Neste sentido o BNG tamén preguntou se había algunha partida reservada para poñer en valor a Área Recreativa da Fervenza e a resposta foi que non.
Para o BNG, “estas contas son pouco ilusionantes e carecen de proxectos de envergadura para o futuro de Mondoñedo”.
ROGOS E PREGUNTAS:
O BNG interesouse polo remate das obras da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro. Segundo a alcaldesa o edificio abrirá ao público a primeiros do ano 2019 e o café literario e o restaurante gastroteca non se van poder poñer en funcionamento xa que ata o de agora, no período de licitación, ninguén presentou ofertas para a concesión do servizo.