Ribadeo, 23 de novembro de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, convida á veciñanza a participar este sábado na xornada de portas abertas que se celebrará no centro de atención a persoas maiores. Ás 12 da mañá haberá un acto institucional que contará coa participación do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, da concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, de José Antonio Ares, en representación da Comisión de Asociacións Veciñais Pro-Residencia de Maiores, e do alcalde, Fernando Suárez, que lembrou hoxe que a forza dun pobo serviu para algo, para conseguir que este centro sexa unha realidade.
O rexedor comentou que “a partir de mañá é cando podemos con todo orgullo mostrarlle a todo o mundo, a toda á cidadanía, o resultado deste traballo ímprobo que partiu, xa hai varios anos, no 2012 cunha manifestación da que Ribadeo se puido sentir orgulloso onde, da vila e do campo, xentes de todo tipo saíron a rúa xunto cos representantes políticos, con nós, para pedir que Ribadeo debía ter unha nova residencia, porque 10.000 habitantes necesitaban máis prazas públicas das que había en Ribadeo”
Suárez Barcia lembrou que “no 2014 iniciamos a construción desta residencia e agora, catro anos despois, se concluíu, se equipou e estamos no paso previo ao inicio do seu funcionamento, dado que nestes días estamos asinando os convenios de colaboración entre o Concello e esta gran administración, moi amiga de Ribadeo e dos veciños e das veciñas de Ribadeo, que é a Deputación de Lugo nestes últimos anos polo moito que nos ten axudado, e singularmente neste ámbito. Por iso tamén conosco mañá estará o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, para ensinarlle a todos os que queiran ir alí durante este acto desta fin de semana, e durante as seguintes dúas fins de semana, para que poidan ver todo o que fomos traballando”.
O alcalde ribadense subliñou que “a forza de todo un pobo serviu para algo, porque isto vai para eles, para nós cando sexamos maiores e para os que xa hoxe en día son maiores que queren pasar os últimos días nas súas casas como é lóxico, pero os que non poidan por diferentes motivos, que saiban que teñen unha casa marabillosa aquí en Ribadeo para pasar con ledicia, alegría e ilusión os últimos días das súas vidas, que esperemos que sexan moitos”.
Fernando Suárez convida “a todo o mundo a que vaia mañá ao acto, será ás doce do mediodía, e a partir de aí quedarán as portas abertas, en horario de mañá e tarde, para que todo o mundo que queira poida visitalo cos seus amigos, familiares, etc…”.
O rexedor engadiu que “tamén nestes días pediremos o PIA, o permiso de inicio de actividade, á Xunta de Galicia e o que pido, como sempre, xa que non quixeron poñer un céntimo en toda esta obra marabillosa, cando menos que non poñan paus nas rodas e que nos deixen traballar ao Concello e á Deputación como estamos facendo, mao a mao para que redunde en beneficio dos nosos paisanos e das nosas paisanas”.
O acto de mañá dará comezo ás 12:00 horas con música. Despois pronunciarán discursos Sonia Meilán, José Antonio Ares, Darío Campos e Fernando Suárez. Seguirá outra peza musical e o descubrimento dunha placa conmemorativa e máis da fotografía da manifestación cidadá do ano 2012. E despois será a visita por parte do público asistente ás instalacións.
Por outra banda, hoxe foron publicadas no as bases polas que se rexerá a confección de listas para a contratación do persoal técnico na nova residencia de persoas maiores de Ribadeo:
-Fisioterapeuta
-Terapeuta Ocupacional
-ATS-DUE
-Psicólogo/a
O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados dende o día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.