Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz xestiona con arreteras do estado a construción de dúas microrrotondas en Cangas, para as que xa están feitos os proxectos

Foz, 22 de novembro de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, contactou con persoal da Dirección General de Carreteras, do Ministerio de Fomento, para solicitar que se axilice a construción de dúas microrrotondas na estrada Nacional 642 ao seu paso pola parroquia de Cangas. Para estas obras xa están feitos os proxectos.
O rexedor municipal explicou: “puxémonos en contacto con persoal da Dirección General de Carreteras interesándonos pola construción das dúas microrotondas en Cangas. Este asunto que foi levado no seu momento á Subdelegación do Goberno en Lugo, na que tivemos unha reunión cos técnicos de Carreteras e con veciños de Cangas. Naquel momento a Dirección General de Carreteras e a Subdelegación do Goberno comprometéronse a estudar a construción desas dúas microrrotondas para facilitar o acceso a núcleos de poboación de Cangas, que é unha das parroquias máis poboadas do concello, pois ten máis de mil habitantes, e as últimas decisións de Carreteras de crear liñas continuas en zonas onde antes había accesos prexudicou moitísimo á mobilidade dos veciños de Cangas. E tamén entendo que estas microrrotondas mellorarían moito a seguridade das actuacións que se fagan alí. Polo tanto entendemos que son necesarias”.
Javier Castiñeira engadiu que “polo que nos informan, os proxectos están feitos e a valoración destas dúas microrrotondas sería de arredor de 400.000 euros. Creo que é unha cantidade perfectamente asumible e o que nos din desde diferentes ámbitos políticos é que llo comunicarán ao director general de Carreteras para que active o antes posible todos os mecanismos para poder financiar esta obra”.
O alcalde de Foz considera que “o ideal sería poder facelas conxuntamente coas obras de reparación da estrada Nacional 642, que o Goberno anunciou que se ían facer despois do verán, pero a día de hoxe soamente están feitas as obras de emerxencia e están pendentes as de maior envergadura. Polo tanto poderíase axilizar a construción das dúas microrrotondas para poder facela coa reparación da Nacional 642”.
Polo tanto o rexedor focense está “contento por saber que o proxecto está activo, que hai que seguir dando pasos e pedimos á Dirección General de Carreteras que destine o antes posible orzamento para facer estas obras tan importantes para os veciños de Cangas”.

Exit mobile version