Foz, 23 de novembro de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, reuniuse co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e abordaron asuntos importantes para o municipio como a construción do auditorio no solar da horta colindante co asilo.
O rexedor focense explicou que “a intención do Concello de Foz é seguir avanzando nas xestións para que a medio prazo se poda dispor dun auditorio na localidade, tan demandado pola comunidade cultural focense, despois de que o padroado da Fundación vira con bos ollos situalo no solar da horta colindante ao asilo, o que foi ben acollido polo presidente Núñez Feijoo. Concretamente nesta reunión acordouse que o compromiso de financiamento dun infraestrutura deste tipo debe ser asumido polas tres administracións que teñen competencias no eido cultural, como son a propia Xunta, o Concello e maila Deputación en partes iguais, do mesmo xeito que se acometeron as reformas urbanas no centro da vila, exemplo de colaboración entre institucións. Deste xeito o presidente da Xunta comprometeuse a acordar un protocolo a favor do Concello pola cantidade que lle corresponda ao seu terzo dos gastos, unha vez que o Concello presente máis concretamente a solución construtiva definitiva, sendo da opinión de que Foz, pola súa poboación, debe apostar por un centro sostible, polivalente e versátil, que permita actos culturais de todo tipo, velando especialmente pola adaptabilidade e a funcionalidade e non centrándose unicamente na capacidade máxima do mesmo, como noutras localidades”.
O alcalde, ante o compromiso da Xunta, mostrou a dispoñibilidade do Concello a asumir a súa parte, “dado que a situación económica do mesmo o permite e mentres retoma co arquitecto o anteproxecto avaliando as consideracións feitas pola Xunta e se avance nas condicións definitivas da cesión do terreo coa Fundación Asilo, iniciaranse por outro lado as conversas co presidente da Deputación para que asuma a terceira parte restante”.
A valoración da xuntanza por parte de Javier Castiñeira é “moi positiva, porque hai un compromiso firme da Xunta e do Concello e confío en que a Deputación faga o mesmo nos próximos meses”.
Ademais o rexedor focense aproveitou para felicitar ao presidente da Xunta pola entrega do novo edificio do Hospital e invitouno a seguir apostando pola mellora do mesmo, recordándolle a necesidade de dispor dunha resonancia fixa no Hospital da Mariña. Tamén lle agradeceu as recentes entregas da Mariña Virtual, do Centro de Interpretación de San Martiño e dos novos pantaláns e o dragado da dársena portuaria, compromisos cumpridos respecto á última reunión, mantida o ano pasado. Ademais o alcalde comentoulle ao presidente autonómico a intención de contratar a redacción do PEPRI despois de ter aprobado o PXOM e de mellorar a dársena de Portochico para o que precisa da axuda da Xunta.
Por último Núñez Feijoo comunicoulle ao alcalde de Foz, respecto a outro asunto importante como é a depuradora, que a empresa consultora encargada xa entregou o anteproxecto en Augas de Galicia, que supón un investimento nos próximos anos de 8 millóns de euros e está pendente da revisión definitiva e do tramite ambiental para que en poucos meses estea nas mans da corporación municipal e exposto aos veciños.
A boa sintonía entre as dúas administracións e o bo clima da xuntanza deixan un bo sabor de boca aos dous representantes, que valoraron moi positivamente a mesma.