Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Burela valora satisfactoriamente as obras de ampliación do Hospital da Costa e aboga por un centro de carácter xeral e non comarcal

Burela, 14 de novembro de 2018. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, estivo esta mañá no Hospital da Costa, xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, supervisando as obras de ampliación deste centro. Para Llano sempre é unha satisfacción que se melloren os servizos públicos, xa que iso atrae poboación á comarca. O rexedor burelés aposta polo carácter xeral deste hospital e pola recuperación da área sanitaria propia da Mariña.
Alfredo Llano declarou que “en principio é satisfactorio. Sempre ten que ser así, unha satisfacción que melloren o que son os servizos públicos. Neste caso a sanidade pública verase beneficiada loxicamente desta ampliación que está ben. O novo aparcamento a ver se empeza a funcionar a finais deste mes de novembro. As novas habitacións dobres, que están nesa parte nova, con respecto ás que había evidentemente gañan unha barbaridade. Tamén hai salas de consulta, que é normal que se fagan de xeito que estean á última tanto de funcionalidade como de espazo. Despois hai outra sala de tratamentos que tamén vai dar lugar a que se poida incrementar o número de usuarios e mellorar de forma global o funcionamento do hospital”.
O rexedor subliñou que “A Mariña ten unhas características específicas como é a poboación, somos 85.000 habitantes, pero no verán multiplícase e é unha cantidade de xente impresionante. Hai que ter en conta que unha boa sanidade pública atrae a moita xente, polo tanto asenta poboación, atrae á xente para vivir por aquí, e iso sempre é fundamental telo en conta. Outra circunstancia é dotar, xa que agora vai mellorando en cuestión de espazos, que aínda queda unha segunda fase, o que agora mesmo se está traballando para mellorar o aspecto físico do hospital, que se mellore tamén o aspecto formal e de servizos, que se poida recuperar a autonomía sanitaria de organización médica e de funcionamento, e que teñamos unha economía propia neste hospital e sexa autónomo en todos os aspectos. Se estamos en sintonía coas características propias da comarca, debera ser así”.
O rexedor burelés engadiu que “hai que ter en conta tamén as características con respecto ás posibles necesidades hospitalarias, que están fundamentadas na cantidade de industria que temos, na cantidade de pesca e instalacións portuarias, e a cantidade de tráfico que por aquí circula. Eu penso que se pode xustificar perfectamente ter un área sanitaria propiana Mariña, e agora que se está mellorando o hospital habería que esforzarse en ter un hospital máis ben de carácter xeral que comarcal”.

Exit mobile version