Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde da Pontenova alerta á Xunta de que 50 veciños non recibiron atención e pídelle que non volva a deixalos sen médico

A Pontenova, 14 de novembro de 2018. O Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, comprobou a primeira hora deste mércores se a Xunta de Galicia cubrira a baixa por enfermidade do médico do centro de saúde do municipio despois de non telo feito dende o pasado xoves -primeiro día da ausencia xustificada deste profesional-.Tras as reclamacións oficiais que fixeron os veciños nos últimos días e de denunciar publicamente esta situación, hoxe por fin había 2 médicos. De acordo cos veciños, o Alcalde enviara unha carta á Xerencia de Atención Primaria do Sergas para informar que 50 veciños quedaron sen atención, explicar que estes feitos poderían ter sido máis graves de xurdir unha urxencia e pedíndolle que non volva a provocar esta situación e cumpra coa palabra dada. Pois nun encontro cos veciños, o compromiso da Xunta foi ter sempre 2 médicos a disposición.

Este compromiso público tivo lugar na reunión prevía á recente xubilación dun médico, na que os veciños pediron á Xunta manter os 3 médicos que había ata entón no centro de saúde. Os pontenoveses explicaron que no Concello eran uns 2.300 veciños, que máis do 35% maiores de 65 anos e que vivían en 67 núcleos poboacionais, habendo unha dispersión xeográfica de 17 habitantes por quilómetro cadrado. Todo isto para argumentar a necesidade dos 3 médicos. A Xunta negouse, xustificándose na ratio en base á que decide o número de médicos por habitantes, e aínda que os veciños presentaron ademais 1.500 sinaturas para reforzar esta petición.

Tamén reclamaron que se cubrise a praza vacante de PSX, que é o profesional que atende as chamadas ao centro de saúde, dá as cita ou informar sobre as urxencias. A Xunta tampouco o fixo e hoxe o centro de saúde segue a contar con tan só 1 PSX, que non pode asumir todo o traballo. Isto supón que moitas chamadas sexan derivadas a unha centralita a Santiago e que os veciños, principalmente maiores, teñan que desprazarse persoalmente ben cun familiar ou en taxi ata o centro porque non solucionar por teléfono.

O único que prometeu a Xunta nesta reunión é que habería sempre 2 médicos. Sen embargo, a primeira vez que se produce unha ausencia xustificada, como unha baixa por enfermidade, tardou case unha semana en cubrila, deixando sen atención aos veciños.

Exit mobile version