Este ano, como novidade, poderán atoparse ofertas que buscan fidelizar á clientela de cara ao Nadal e polas compras que se fagan no Black Friday poderán conseguirse descontos aplicables ás vindeiras compras navideñas, vales de compra, sorteos e regalos directos.
O xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, manifestou que “os comerciantes queren buscar formas alternativas para realizar o Black Friday, non premiando con ofertas nalgún caso, senón motivando e incentivando as compras de Nadal nos seus establecementos con descontos para esas festas. Parécenos unha maneira diferente de realizar o Black Friday e adaptalo cada un o mellor que poida ás súas necesidades”.
Pérez explicou que “nestes días poderemos atopar descontos e promocións en roupa, calzado, produtos de informática, óptica, complementos, bodega, agasallos, deporte, unha gran variedade que nos permite aproveitar o Black Friday sen acudir ás grandes plataformas de venda on line. En Acisa somos conscientes de que esta campaña pode xerar controversia ao tirar os prezos un mes antes da de Nadal, sendo algo que empezou como un único día e que as grandes marcas converteron en case un mes de descontos. Para o pequeno comercio o concepto Black Friday, tal e como se está levando a cabo agora en duración e descontos, fai que moitos non poidan realizalo para ser competitivos. Pero desde Acisa tamén cremos que, se queremos dar alternativas á compra on line, debemos adaptarnos, na medida das posibilidades de cada un, porque non se pode negar que é unha campaña demandada pola clientela e que, se non se realiza no pequeno comercio dos nosos pobos, si que estaríamos botando á xente ás mans de internet”.
O xerente de Acisa considera que “tras a campaña de concienciación da fin de semana, temos esperanzas de que este Black Friday sexa bo para os nosos asociados, e esta é posiblemente a primeira proba de fogo sobre elo. Como sempre, facemos un chamamento a comprar no comercio de Ribadeo, no do amigo, o parente e o veciño, fronte ás, as veces fraudulentas, ofertas que podemos atopar por internet”.
Os establecementos que participan nesta campaña de Black Friday de Acisa Ribadeo son: Anais, R23, Opticalia, Bora Bora, Beep, Ginzo, Electronima, Óptica Carreira, Dándara, Bodegas Ribeirao, Platería Gutié, Boutiques Valentina y Del Río, Adele, Naná, Fauna, Bimba, Nina, Mika, Sanjurjo, Esprit, Jatay, Coco, Glass, Pequerrechos, Trece Eventos, Bis a Bis, Hola Ola, Mercería Torviso, Docobo, La Moda Hombre e Folder.