Como a diversidade é arte, estas diferenzas entran en xogo nos obradoiros a través de materiais abstractos e concretos, que van fertilizando en ideas para composicións escénicas e musicais, declamación de textos, cancións ou montaxe de esculturas. Todos os materiais actuarán de guías e apoios na representación que grupo fará o 30 de novembro no auditorio de Ribadeo, onde a creatividade e a identificación emocional estarán presentes enriba do escenario.
A Fundación Edes, a través do equipo específico do espectáculo e dos integrantes do seu colexio e finca ecolóxica, ensaia nestes obradoiros a construción das escenas dende o inicio ao peche do acto. Grazas a eles, nesta edición contamos coa presenza do gran escultor Herminio Álvarez: unha montaxe viva alimentará o proceso creativo na escena última da función. O sistema de creación sobre as táboas facilita a creación innata que queremos que os participantes dos obradoiros descubran en si mesmos: todos somos artistas.
Por iso, convidamos a participar a toda a Mariña Lucense e o occidente asturiano nos obradoiros-ensaios que están a preparar a posta en escena final. Cada venres ata o día do espectáculo, o equipo recibirá e ofrecerá pautas no auditorio de Ribadeo a todos os participantes que desexen facer consultas. Tamén estamos receptivas no enderezo electrónico inclusionesedes@gmail.com e na conta de Twitter @InclusionesEdes.