Santiago, 22 de novembro de 2018. O PSdeG esixe á Xunta que abra unha investigación que permita esclarecer as causas das riadas en Viveiro, nas que unha muller resultou falecida, á vista das críticas dos veciños á actuación da Xunta. Considera importante que se explique por que non se atender as demandas de limpeza da canle feitas polos veciños ao longo do tempo.
En concreto, os veciños trasladaron ao secretario xeral, Gonzalo Caballero, quen se achegou o pasado luns ata a zona para coñecer o ocorrido e transmitir as súas condolencias aos afectados, que consideraban que Augas de Galicia non cumprira cos seus deberes de forma axeitada e que non acometera as debidas labores de limpeza.
Precisamente á teor do seu “descontento” co traballo do goberno galego no río, cómpre aclarar se houbo “desatención” e ver que medidas hai que tomar para evitar que se repita unha situación destas características.
Ao respecto, o líder dos socialistas galegos xulgou que as declaracións de onte da conselleira de Medio Ambiente son “pouco consistentes”, pois asegurou que “non había obstáculos” no río baseándose nunha inspección visual realizada polos técnicos “o pasado mes de setembro”.
Non obstante, a suba do río produciuse en cuestión de moi pouco tempo e foron os propios veciños os que indicaron a Gonzalo Caballero que, ademais da choiva, outros factores influíron na suba repentina do caudal.
LIMPEZA DO RÍO
Así as cousas, xunto á esixencia de explicacións, os socialistas urxen tamén a dragaxe do río Xunqueira e a limpeza da parte superior do río que anegou Viveiro, posto que, de repetírense as abondosas chuvias, volvería haber inundacións. “Hai que tomar todas as medidas para que isto nunca máis volva suceder”, concluíu Gonzalo Caballero.
Con ese fin, a deputada socialista Patricia Otero anunciou iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta que elabore, antes de marzo de 2019, un plan de riscos de inundación do río Xunqueira e para que acometa labores de rexeneración e dragaxe da zona afectada.
Iniciativas similares denunciando “a situación de total abandono e de falta de limpeza” xa foron presentadas polos socialistas o pasado ano na Cámara, sen que supuxeran a adopción de medidas por parte do goberno galego.