Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz estrea tres novos parques infantís remodelados grazas á colaboración entre Xunta e Concello

Foz, 17 de novembro de 2018.- A veciñanza de Foz, de xeito moi especial os máis novos da localidade, estrean os tres parques infantís remodelados recentemente grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello.

En concreto, xa remataron as obras e están listos para o seu uso os emprazados en Álvaro Cunqueiro, diante de Facenda; tamén na praza Martínez Otero, ao carón dos taxis; na Lonxa, na antiga rula, no peirao.

Os traballos supuxeron un investimento que superou os 64.600 euros, financiado nun 60% con cargo á orde de mellora de Infraestruturas locais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Os parques contan cun pavimento continuo de goma coloreado, novas pezas de alta calidade e deseño, incluído xogos accesibles, e outras características que reforzan a seguridade e resistencia destas tres áreas de xogo.

Contan unha orixinal combinación das cores, que busca facer máis atractivos estes espazos para os pequenos e para as súas familias, ademais de máis seguros. Os parques infantís inclúen materiais resistentes a calquera das condicións climáticas e a distintos usos.

O delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, puxo en valor esta colaboración entre a administración autonómica e a local, por canto mellora os espazos de lecer para os máis pequenos e fomenta os espazos de recreo no pobo.

Pola súa banda o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, lembrou que estes equipamentos veñen a completar os esforzos realizados nos últimos anos neste ámbito, e citou a recente remodelación dos parques infantís da Praza Conde de Fontao e do Campo da Cabana

“Esta remodelación vén dar resposta á demanda das familias que acoden cada tarde cos seus pequenos aos parques da localidade dando maior seguridade ás instalacións e modernidade nos deseños”-conclúe o rexedor.

Exit mobile version