R. Vargas adiantou os mariñáns no minuto 3, deixando sentando o meta maño ao bordo da área tras pase de Pope. Antes, no 2, fora precisamente o 14 laranxa. A Pitero, no 9, fóiselle demasiado alto o oportuno pase de Luisma, pero o 2-0 non se fixo esperar; Matamoros saltou á pista para asinalo desde a banda nunha tentativa de centro que tocou en Mese. Os burelistas conseguiron frear o maior perigo visitante ata o momento, no 12, coa alianza entre Edu e Renato para despexala. Na recta final, antes do descanso, os de Juanma Marrube, especialmente Matamoros, asediaron en tromba a rede maña. E foi precisamente o 10 burelista o encargado de subir o 3-0 de penalti tras man de Diego Pardo faltando 46 segundos da primeira parte. Juanfran, con 32 segundos por diante, a punto estivo de ver o cuarto local.
Os de Alfonso Rodríguez puideron reducir distancias no reinicio, no 22, con Trasobares, grazas a unha rápida transición. Tan só dous minutos despois, Pope subiu o 4-1 en balón parado de Mata, tras ver a amarela Sampedro. Os visitantes volveron achegarse no 27 nun pase longo que materializou Muniesa de cabeza. Tan só un minuto despois Edu freou a Carlos García e Hélder aproveitou a oportunidade para subir o 5-2. Entrou nun ritmo frenético o encontro, con recuperación de Colo Colo que puido sentenciar, nesta ocasión si, Carlos García. A resposta dos laranxas non se fixo esperar e foi en forma de gol, cun disparo raso de Juanfran.
Con máis de catro minutos por diante, os maños apostaron con xogo de cinco; así o sétimo dos mariñáns chegou a porta baleira, de Hélder. Os de Juanma Marrube tamén responderon con R. Vargas como porteiro xogador. Edu, a falta de 1’31”, asinou o definitivo 8-3, de novo coa rede baleira.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Renato, Pope, R. Vargas, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Luisma, Juanfran, Lucho, Pitero, Matamoros, Porto
Colo Colo Zaragoza: Basmalís, Fran, Muniesa, Víctor Berges, Carlos García, cinco inicial; tamén xogaron Trasobares, Pasamón, Zucho, Mese, Sampedro, Diego Pardo
Goles: 1-0, minuto 3, R. Vargas; 2-0, minuto 9, Matamoros; 3-0, minuto 20, Matamoros (penalti); 3-1, minuto 22, Trasobares; 4-1, minuto 24, Pope; 4-2, minuto 27, Muniesa; 5-2, minuto 29, Hélder; 5-3, minuto 30, Carlos García; 6-3, minuto 31, Juanfran; 7-3, minuto 36, Hélder; 8-3, minuto 39, Edu
Árbitros: Calleja Rubio // Hevia Campa (Asturias). Por Zaragoza amarela para Sampedro (minuto 24)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 10 de Segunda LNFS disputado en Vista Alegre ante unhas 800 persoas, coa presenza do presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, Javier Lozano.