Lugo, 23 de novembro de 2018. O Presidente, Darío Campos Conde, informou que mañá abre o prazo de inscrición para participar no proceso de selección pública de fisioterapeutas, ATS, psicólogos e terapeutas ocupacionais para os centros de maiores de Deputación e Concellos. Todos os interesados poden facer a súa solicitude a partires deste sábado e durante 10 días naturais. Hoxe o BOP publica a convocatoria, as bases e o temario que se tratará neste concurso oposición, aberto a todos os cidadáns.
Son perfís profesionais necesarios segundo a normativa Servizos Sociais para prestar o servizo público de residencia e centro de día e que na actualidade non teñen Deputación e Concellos. Si contan con outros traballadores públicos tamén necesarios, como os de servizos comunitarios, mantemento ou xardinería, que se incorporarán aos centros de maiores.
Aquelas prestacións que obriga a ter normativa de Servizos Sociais e que non se poidan cubrir debido á Lei de Presuposto (taxa de reposición), Deputación e Concellos ofreceranas mediante contratos de servizos públicos, que non son concesións. Estes supoñen a xestión pública e directa por parte de ambas as dúas institucións e eximir aos usuarios do pago do IVA.
Deste xeito, xa están en marcha os contratos de servizos para as prestacións de formación básica e instrumental e de servizos xerais nas residencias de Trabada e Ribadeo. Son dous dos centros de maiores que poderían abrir no 2019 xunto aos de Pol, A Fonsagrada e Pedrafita do Cebreiro. Todos eles o farán mediante un modelo de xestión pública e directa dende os Concellos, que son os que teñen as competencias de servizos sociais, coa colaboración interadministrativa pública e horizontal da Deputación. Tamén se sumou a este modelo Ribas de Sil, actualmente en obras.
Proxecto da residencia de Pantón
Hoxe tamén se aprobou na Xunta de Goberno destinar 40.000 euros á redacción do proxecto dunha residencia en Pantón. Estes fondos, procedentes do orzamento deste ano, sumaranse aos 500.000 que se incluíron na proposta de Presuposto para 2019, que se someterá á aprobación do Pleno provincial do vindeiro martes.
A Corporación Municipal tamén se comprometeu a colaborar co financiamento da redacción do proxecto mediante unha achega duns 5.000 euros. A construción desta residencia responde a unha vella demanda dos veciños de Pantón, un dos Concellos da provincia e incluso de Galicia co maior índice de envellecemento, pois máis do 55% dos seus veciños superan os 65 anos. A Xunta de Galicia comprometeuse a executalo durante a campaña das eleccións municipais de 2015, pero non o fixo. Goberno da Deputación e Concello buscarán, conxuntamente, a colaboración do Goberno Galego.
Marquesiñas para os 67 Concellos
A Xunta de Goberno tamén aprobou destinar 200.000 euros á adquisición e instalacións de 82 marquesiñas na rede viaria provincial dos 67 Concellos. A distribución das marquesiñas fíxose en base ao número de quilómetros por municipio. Os que conten con máis de 80 quilómetros disporán de 2 marquesiñas e os de menos contarán con 1.
Contratados estas actuacións, os Concellos poderán sumarse a esta programación e solicitar estas estruturas.