Madrid, 29 de novembro de 2018. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha proposición non de lei para proporlle ao Goberno Sánchez que leve a un Consello de Ministros/as a declaración de Viveiro como zona afectada gravemente por unha emerxencia de proteción civil debido ás fortes riadas do 18-19 de novembro.
A tal obxecto, Fernán Vello urxe ao Executivo a aprobar as medidas contempladas no artigo 24 da Lei 17/2015, de 9 de xullo, do Sistema Nacional de Proteción Civil que comprende axudas económicas a particulares, medidas fiscais de exención tributaria e medidas laborais e de Seguridade Social.
Responsabilidade da Xunta: nunca atendeu as demandas para limpar o río
O deputado de En Marea lembra as violentas riadas que sufriu Viveiro e outras localidades de A Mariña na noite do 18 ao 19 de novembro.
“Ademais de provocar a morte dunha muller, as fortes riadas deixaron unha pegada de enorme destrución, perdas, locais e comercios destrozados e un pobo impactado por un desastre que nunca viviu antes, especialmente o bairro próximo ao río Xunqueira, así como outras zonas de áreas urbanas de Viveiro e Covas, ou A Carreira en Magazos”.
Fernán Vello urxe a colaborar nas labores de recuperación. Os danos son cuantiosos, a falta dun balanzo exacto, pero hai moitos inmóbeis municipais afectados, viais, casas, rúas peonís, once pontes, mobiliario urbano, alumbrado, redes e canalizacións de auga, vehículos. Denuncia o deputado de En Marea que o río Xunqueira “desbordouse debido á indiferencia da Xunta, Augas de Galiza, que non atendeu nunca as demandas da veciñanza de proceder a unha limpeza e rexeneración do río. A Xunta mirou para oturo lado, algo que non dicimos nos, maniféstao a veciñanza e unha concelleira do PP que dimitiu indignada pola irresponsabilidade da Xunta”.
Segundo pasan os días, “son medran as voces que consideran que de terse efectuado a rexeneración da canle fluvial, a catástrofe non tería tido as mesmas dimensións. O dique que se formou no río debido á acumulación de árbores, troncos, restos vexetais levou a unha violenta riada”.
Fernán Vello censura que a Xunta “eluda as súas responsabilidades e negue a evidencia. “Non atendeu as denuncias de veciños e veciñas, non lles fixo ningún caso, e agora bota toda a culpa ao tempo. As choivas foron fortes, sen lugar a dúbidas, pero o río ía cargado de desfeitos e iso empiorou a situación”.