Actuación do Seprona
Fernán Vello diríxese ao Goberno para trasladarlle a indignación e o malestar da veciñanza da vila da Mariña porque aseguran que “levan anos denunciando ante o Seprona e a Xunta a situación do río Xunqueira. Pode explicar desde cando constan estas denuncias? Como se explica que non foran atendidas? Por que non se activaron medidas? Que investigación fixo o Seprona sobre este tema? Houbo sancións?”.
O deputado de En Marea faise eco das críticas dos habitantes de Viveiro que poñen de manifesto o descoido de troncos, restos de árbores e demais restos vexetais motivados pola tala de árbores. “Todo esto acaba no río, e a cantidade de restos foi de tal magnitude que formou un dique na ponte á altura do bairro de Xunqueira que se levou todo por diante. Lamentablemente, a riada penetrou en casas e causou a morte dunha persoa”.
Posibilidade de declarar zona de emerxencia
Por outra parte, o parlamentar de En Marea pon a énfase na necesidade de habilitar axudas aos afectados canto antes. Neste sentido, e a falta de facer o balance de danos, Fernán Vello pide ao Executivo que contemple a posibilidade de iniciar o procedemento de declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil en consonancia co recollido na Lei 17/2015, de 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil.
“Vai aprobar unha liña de axudas económicas, medidas fiscais de exención tributaria e medidas laborais e de Seguridade Social?”, pregunta o deputado, pedindo que sexa “canto antes”.
O parlamentar de En Marea considera “importante que conste sobre a mesa do Goberno a consideración de zona de emerxencia dado que en Viveiro morreu unha muller pola riada, asolagouse toda a vila, houbo considerábeis danos materiais, unha situación de destrución, baixos e locais e comercios destrozados. Precísase de axuda para rehabilitar todo”.