Madrid, 20 de novembro 2018. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou varias iniciativas no rexistro da Cámara para preguntarlle ao Goberno polas denuncias que veciños e veciñas de Viveiro levaban anos facendo pola falla de limpeza no río Xunqueira, que se desbordou na noite do domingo pasado provocando unha brutal riada que se levou por diante coches e provocou a morte dunha muller, ademáis de grandes destrozos.
Actuación do Seprona
Fernán Vello diríxese ao Goberno para trasladarlle a indignación e o malestar da veciñanza da vila da Mariña porque aseguran que “levan anos denunciando ante o Seprona e a Xunta a situación do río Xunqueira. Pode explicar desde cando constan estas denuncias? Como se explica que non foran atendidas? Por que non se activaron medidas? Que investigación fixo o Seprona sobre este tema? Houbo sancións?”.
O deputado de En Marea faise eco das críticas dos habitantes de Viveiro que poñen de manifesto o descoido de troncos, restos de árbores e demais restos vexetais motivados pola tala de árbores. “Todo esto acaba no río, e a cantidade de restos foi de tal magnitude que formou un dique na ponte á altura do bairro de Xunqueira que se levou todo por diante. Lamentablemente, a riada penetrou en casas e causou a morte dunha persoa”.
Posibilidade de declarar zona de emerxencia
Por outra parte, o parlamentar de En Marea pon a énfase na necesidade de habilitar axudas aos afectados canto antes. Neste sentido, e a falta de facer o balance de danos, Fernán Vello pide ao Executivo que contemple a posibilidade de iniciar o procedemento de declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil en consonancia co recollido na Lei 17/2015, de 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil.
“Vai aprobar unha liña de axudas económicas, medidas fiscais de exención tributaria e medidas laborais e de Seguridade Social?”, pregunta o deputado, pedindo que sexa “canto antes”.
O parlamentar de En Marea considera “importante que conste sobre a mesa do Goberno a consideración de zona de emerxencia dado que en Viveiro morreu unha muller pola riada, asolagouse toda a vila, houbo considerábeis danos materiais, unha situación de destrución, baixos e locais e comercios destrozados. Precísase de axuda para rehabilitar todo”.