Foz, 15 de novembro de 2018. Dous profesores de Cociña do Instituto de Educación Secundaria de Foz visitan Portugal estes días para ver como se traballa en centros educativos e restaurantes dese país, concretamente de Braga, Oporto e Viana do Castelo.
A dirección do IES de Foz explica que este centro “ten concedido o proxecto Erasmus + , HIFE para os Ciclos Medios de Hostalería do centro: Cociña e Gastronomía e Servizos de Restauración. Este proxecto consta de dúas mobilidades, a primeira delas de profesorado e a segunda de alumnado en prácticas. Comezou o 1 de xuño de 2018 e remata o 31 de agosto de 2019 e dentro desta iniciativa dous profesores de Cociña, Higinio Díaz e Gumersindo Martínez, están esta semana no norte de Portugal nunha mobilidade de job shadowing, na que durante cinco días visitarán restaurantes e escolas de hostalería de Braga, Oporto e Viana do Castelo. Esta semana convivirán con profesores de Cociña do país veciño e participarán nas súas clases e no traballo diario e intercambiarán ideas sobre programas europeos e formas de traballo no ámbito da hostalería”.
Desde o centro educativo de Secundaria focense rematan comentando que “os resultados obtidos con estas actividades son moi beneficiosos para o IES de Foz, xa que á súa volta os participantes poñen en práctica o aprendido e melloran o nivel das competencias do alumnado. Estas visitas sempre serven para facer contactos e seguir ampliando a internacionalización do centro”.